CANDO O HORIZONTE SE VOLVE SOMBRIZO
A falta de esperanza está a xerar entre nós cambios profundos que non sempre sabemos captar. Case sen dármonos conta van desaparecendo do horizonte políticas orientadas cara a unha vida máis humana. Cada vez fálase menos de programas de liberación ou de proxectos que busquen unha maior xustiza e solidariedade entre os pobos.
Cando o futuro se volve sombrizo, todos buscamos seguridade. Que nada cambie. A nós vainos ben! Que ninguén poña en perigo o noso benestar. Non é o momento de pensarmos en grandes ideais de xustiza para todos, senón de defendermos a orde e a tranquilidade.
Ao parecer non sabemos ir máis aló desta reacción case que instintiva. Os expertos dinnos que os graves problemas ambientais, o fenómeno do terrorismo desesperado ou o acoso crecente aos famentos penetrando nas sociedades do benestar non están a provocar, ao parecer, ningún cambio profundo na vida persoal dos individuos. Só medo e procura de seguridade. Cada un trata de gozar ao máximo do seu pequeno benestar.
Sen dúbida, moitos sentimos unha estraña sensación de culpa, vergoña e tristeza. Sentimos, ademais, unha especie de complicidade pola nosa indiferenza e a nosa incapacidade de reacción. No fondo non queremos saber nada dun mundo novo, só pensamos na nosa seguridade.
As fontes cristiás conservaron unha chamada de Xesús para momentos catastróficos: «Espertade, vivide vixiantes». Que significan hoxe estas palabras? Espertar dunha vida que discorre suavemente no egoísmo? Espertar da frivolidade que nos rodea en todo instante impedíndonos escoitar a voz da conciencia? Liberarnos da indiferenza e a resignación?
Non deberían ser as comunidades cristiás un lugar privilexiado para aprendermos a vivir espertos, sen pecharmos os ollos, sen escaparmos do mundo, sen pretendermos amar a Deus de costas aos que sofren?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire