ESCOITARMOS A CHAMADA Á CONVERSIÓN
«Convertédevos, porque está perto o reino de Deus». Que lle poden dicir estas palabras a un home ou unha muller dos nosos días? A ninguén nos atrae oír unha chamada á conversión. Pensamos de seguida en algo custoso e pouco agradábel : unha ruptura que nos levaría a unha vida pouco atractiva e desexábel, chea só de sacrificios e renuncia. É realmente así?
Para comezar, o verbo grego que se traduce por «converterse» significa en realidade «poñerse a pensar», «revisar o enfoque da nosa vida», «reaxustar a perspectiva». As palabras de Xesús poderíanse escoitar así: «Mirade ben se non tendes de revisar e reaxustar algo na vosa maneira de pensar e de actuar para que se cumpra en vós o proxecto de Deus dunha vida máis humana».
Se isto é así, o primeiro que temos de revisar é aquilo que bloquea a nosa vida. Converternos é «liberar a vida» eliminando medos, egoísmos, tensións e escravitudes que nos impiden crecer de maneira sa e harmoniosa. A conversión que non produce paz e alegría non é auténtica. Non nos está achegando ao reino de Deus.
Daquela, temos de revisar se coidamos ben as raíces. As grandes decisións non serven de nada se non alimentamos as fontes. Non se nos pide unha fe sublime nin unha vida perfecta; só que vivamos confiando no amor que Deus nos ten. Converternos non é empeñarnos en ser santos, senón aprender a vivir acollendo o reino de Deus e a súa xustiza. Só entón pode comezar en nós unha verdadeira transformación.
A vida nunca é plenitude nin éxito total. Habemos aceptar o «inacabado», o que nos humilla, o que non acertamos a corrixir. O importante é manter o desexo. Non ceder ao desalento. Converternos non é vivir sen pecado, senón aprender a vivirmos do perdón, sen orgullo nin tristeza, sen alimentarmos a insatisfacción polo que deberiamos ser e non somos. Así di o Señor no libro de Isaías: «Pola conversión e a calma seredes liberados» (30,15).
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire