A CONVERSIÓN FAINOS BEN
A chamada á conversión evoca en nós, case sempre, o recordo do esforzo esixente, propio de todo traballo de renovación e purificación. Con todo, as palabras de Xesús: «Convertédevos e crede na Boa Noticia», invítannos a descubrirmos a conversión como paso para unha vida máis plena e gratificante.
O evanxeo de Xesús vénnos dicir algo que nunca debemos esquecer: «É bo converterse». Fainos ben. Permítenos experimentar un modo novo de vivir, máis san e gozoso. Disponnos a entrar no proxecto de Deus para construírmos un mundo máis humano». Algún preguntará: pero como vivir esa experiencia? Que pasos dar?
O primeiro é deterse. Non termos medo a quedarnos a soas con nós mesmos para facérmonos as preguntas importantes da vida: quen son eu?, que estou a facer coa miña vida?, é isto o único que quero vivir?
Este encontro consigo mesmo esixe sinceridade. O importante é non seguirmos enganándonos por máis tempo. Buscarmos a verdade do que estamos vivindo. Non empeñarnos en ocultar o que somos e en parecermos o que non somos. É fácil que experimentemos entón o baleiro e a mediocridade. Aparecen ante nós actuacións e posturas que están arruinando a nosa vida. Non é isto o que quixemos. No fondo desexamos vivir algo mellor e máis gozoso.
Descubrirmos como estamos danando a nosa vida non ten por que afundirnos no pesimismo ou a desesperanza. Esta conciencia de pecado é saudábel; dignifícanos e axúdanos a recuperarmos a autoestima. Non todo é malo e ruín en nós. Dentro de cada un está actuarmos sempre unha forza que nos atrae e empuxa cara ao ben, o amor e a bondade. É Deus, quen quere unha vida máis digna para todos.
A conversión esixiranos sen dúbida introducir cambios concretos no noso xeito de actuarmos. Pero a conversión non consiste neses cambios. Ela mesma é o cambio. Converterse é cambiar o corazón, adoptar unha postura nova na vida, tomar unha dirección máis sa. Colaborar no proxecto de Deus.
Todos, crentes e menos crentes, poden dar os pasos evocados ata aquí. A sorte do crente é poder vivir esta experiencia abríndose confiadamente a Deus. Un Deus que se interesa por min máis do que eu mesmo, para resolver, non os meus problemas, senón «o problema»: esa vida miña mediocre e errada que parece non ter solución. Un Deus que me entende, que me espera, que me perdoa e que quere verme vivir dun xeito máis pleno, gozoso e gratificante.
Por iso o crente vive a súa conversión invocando a Deus coas palabras do salmista: «Ten misericordia de min, oh Deus, segundo a túa bondade. Lávame a fondo da miña culpa, limpa o meu pecado. Crea en min un corazón limpo. Renóvame por dentro. Devólveme a alegría da túa salvación» (Sal 51 [50]).
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire