CONVERTER TODO EN PAN
É a nosa gran tentación. Reducir todo o horizonte da nosa vida á simple satisfacción dos nosos desexos: empeñarnos en convertermos todo en pan con que alimentar as nosas apetencias.
A nosa maior satisfacción, e ás veces case a única, é dixerir e consumir produtos, artigos, obxectos, espectáculos, libros, televisión. Ata o amor quedou convertido con frecuencia en simple satisfacción sexual.
Corremos a tentación de buscar o pracer máis aló dos límites da necesidade, ata en detrimento da vida e a convivencia. Terminamos loitando por satisfacer os nosos desexos, aínda a costa dos demais, provocando a competitividade e a guerra entre nós.
Enganámonos se pensamos que ese é o camiño da liberación e da vida. Ao contrario, non experimentamos nunca que a procura exacerbada de pracer leva ao aburrimento, ao fastío e aos baleiros da vida? Non estamos vendo que unha sociedade que cultiva o consumo e a satisfacción non fai senón xerar insolidariedade, irresponsabilidade e violencia?
Esta civilización, que nos «educou» para a procura do pracer fóra de toda razón e medida, está necesitando un cambio de dirección que nos poida infundir novo alento de vida.
Temos de volver ao deserto. Aprendermos de Xesús quen se negou a facer prodixios por pura utilidade, capricho ou pracer. Escoitarmos a verdade que hai nas súas inesquecíbeis palabras: «Non só de pan vive o home, senón de toda Palabra que sae da boca de Deus».
Non necesitamos liberarnos da nosa avidez, egoísmo e superficialidade, para espertar en nós o amor e a xenerosidade? Non necesitamos escoitar a Deus, que nos invita a gozar creando solidariedade, amizade e fraternidade?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire