CONFIAR
Apenas se oe falar hoxe da «providencia de Deus». É esta unha linguaxe que foi caendo en desuso ou se converteu nunha forma piadosa de Considerarmos certos acontecementos. Con todo, crer no amor providente de Deus segue a ser un trazo básico do cristián.
Todo xorde dunha convición radical. Deus non abandona nin se desentende daqueles a quen crea, senón que sostén a súa vida con amor fiel, vixiante e creador. Non estamos á mercé do azar, do caos ou da fatalidade. No interior da realidade está Deus, conducindo o noso ser cara ao ben.
Esta fe non libera de penas e traballos, pero arraiga ao crente nunha confianza total en Deus, que expulsa o medo de caermos definitivamente baixo as forzas do mal. Deus é o Señor último das nosas vidas. De aí a invitación da primeira carta de san Pedro: «Descargade en Deus toda angustia, porque a el interésalle o voso ben» (1 Pedro 5,7).
Isto non quer dicir que Deus «interveña» na nosa vida como interveñen outras persoas ou factores. A fe na Providencia caeu ás veces en descrédito precisamente porque se entendeu en sentido intervencionista, coma se Deus se entremetera nas nosas cousas, forzando os acontecementos ou eliminando a liberdade humana. Non é así. Deus respecta totalmente as decisións das persoas e a marcha da historia.
Por iso non se debe dicir propiamente que Deus «guía» a nosa vida, senón que ofrece a súa graza e a súa forza para que nos orientemos e guiemos cara ao noso ben. Así, a presenza providente de Deus non leva á pasividade ou a inhibición, senón á iniciativa e a creatividade.
Non habemos esquecer por outra banda que, aínda que podemos captar signos do amor providente de Deus en experiencias concretas da nosa vida a súa acción permanece sempre inescrutábel. O que a nós hoxe nos parece malo pode ser mañá fonte de ben. Nós somos incapaces de abarcar a totalidade da nosa existencia; escápasenos o sentido final das cousas; non podemos comprendermos os acontecementos nas súas últimas consecuencias. Todo queda baixo o signo do amor de Deus, que non esquece a ningunha das súas criaturas.
Desde esta perspectiva adquire toda a súa fondura a escena do lago de Tiberíades. No medio da tormenta, os discípulos ven a Xesús durmido confiadamente na barca. Do corazón deles, cheo de medo, xorde un berro: «Mestre, non che importa que nos afundamos?». Xesús, logo de contaxiar a súa propia calma ao mar e ao vento, dilles: «Por que sodes tan covardes? Aínda non tendes fe?».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire