O PERIGO DUN CRISTIANISMO SEN CRUZ
Un dos meirandes riscos do cristianismo actual é ir pasando pouco a pouco da «relixión da cruz» a unha «relixión do benestar». Hai uns anos tomei nota dunhas palabras de Reinhold Niebuhr, que me fixeron pensar moito. Falaba o teólogo norteamericano do perigo dunha «relixión sen aguillón» que terminase predicando «un Deus sen cólera que conduce a uns homes sen pecado cara a un reino sen xuízo por medio dun Cristo sen cruz». O perigo é real e habemos evitalo.
Insistir no amor incondicional dun Deus Amigo non ha significar nunca fabricarmos un Deus á nosa conveniencia, o Deus permisivo que lexitime unha «relixión burguesa» (Johann Baptist Metz). Ser cristián non é buscar o Deus que me convén e me di «si» a todo, senón atoparme co Deus que, precisamente por ser Amigo, esperta a miña responsabilidade e, por iso mesmo, máis dunha vez me fai sufrir, gritar e calar.
Descubrir o evanxeo como fonte de vida e estímulo de crecemento san non significa vivir «inmunizado» fronte ao sufrimento. O evanxeo non é un tranquilizante para unha vida organizada ao servizo das nosas pantasmas de pracer e benestar. Cristo fai gozar e fai sufrir, consola e inqueda, apoia e contradí. Só así é camiño, verdade e vida.
Crer nun Deus Salvador que, xa desde agora e sen esperar ao máis aló, busca liberarnos do que nos fai dano non ha levarnos a entender a fe cristiá coma unha relixión de uso privado ao servizo exclusivo dos nosos problemas e sufrimentos. O Deus de Xesús-Cristo ponnos sempre ollando a quen sofre. O evanxeo non centra á persoa no seu propio sufrimento, senón no dos outros. Só así se vive a fe como experiencia de salvación.
Na fe como no amor todo adoita andar moi mesturado: a entrega confiada e o desexo de posesión, a xenerosidade e o egoísmo. Por iso non temos de borrar do evanxeo esas palabras de Xesús que, por duras que parezan, nos poñen ante a verdade da nosa fe: «O que non toma a súa cruz e me segue non é digno de min. O que atope a súa vida, perderaa, e o que perda a súa vida por min atoparaa».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire