NON PASAR
DE LARGO
«Sede compasivos como o voso Pai é compasivo». Esta é a herdanza que Xesús deixou á humanidade. Para comprendermos a revolución que quere introducir na historia, habemos ler con atención o seu relato do «bo samaritano». Nel descríbesenos a actitude que temos de promover, máis aló das nosas crenzas e posicións ideolóxicas ou relixiosas, para construírmos un mundo máis humano.
Na cuneta dun camiño solitario xace un ser humano, roubado, agredido, desposuído de todo, medio morto, abandonado á súa sorte. Neste ferido sen nome e sen patria resume Xesús a situación de tantas vítimas inocentes maltratadas inxustamente e abandonadas nas cunetas de tantos camiños da historia.
No horizonte aparecen dous viaxeiros; primeiro un sacerdote e un levita. Os dous pertencen ao mundo respectado da relixión oficial de Xerusalén. Os dous actúan de xeito idéntico: «ven o ferido, dan un rodeo e pasan de largo». Os dous pechan os seus ollos e o seu corazón. Aquel home non existe para eles, pasan sen deterse. Esta é a crítica radical de Xesús a toda relixión incapaz de xerar nos seus membros un corazón compasivo. Que sentido ten unha relixión tan pouco humana?
Polo camiño vén unha terceira personaxe. Non é sacerdote nin levita. Nin sequera pertence á relixión do Templo. Con todo, ao chegar, ve ao ferido, conmóvese e achégase. Logo, fai por aquel descoñecido todo o que pode para rescatalo con vida e restauralo á súa dignidade. Esta é a dinámica que Xesús quere introducir no mundo.
O primeiro é non pechar os ollos. Saber «mirar» de xeito atento e responsábel ao que sofre. Esta mirada pódenos liberar do egoísmo e a indiferenza que nos permiten vivirmos coa conciencia tranquila e a ilusión de inocencia no medio de tantas vítimas inocentes. Ao mesmo tempo, “conmovérmonos” e deixar que o seu sufrimento nos alcance tamén a nós.
Pero o decisivo é reaccionarmos e «achegármonos» ao que sofre, non para preguntarnos se teño ou non algunha obriga de axudarlle, senón para descubrirmos que é un ser necesitado, que nos necesita cerca. A nosa actuación concreta revelaranos a nosa calidade humana.
Todo isto non é teoría. O samaritano do relato non se sente obrigado a cumprir un determinado código relixioso ou moral. Sinxelamente, responde á situación do ferido inventando toda clase de xestos prácticos orientados a aliviar o seu sufrimento e a restaurar a súa vida e a súa dignidade. Xesús conclúe con estas palabras. «Vai e fai ti o mesmo».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire