OS FERIDOS DOS FOXOS E GABIAS
A parábola do «bo samaritano» sáelle a Xesús do corazón, pois camiñaba por Galilea moi atento aos esmoleiros e enfermos que vía nas cunetas dos camiños. Quería ensinar a todos a camiñarmos pola vida con «compaixón», pero pensaba sobre todo nos dirixentes relixiosos.
Na gabia dun camiño perigoso un home foi asaltado e roubado e logo abandonado «medio morto». Afortunadamente, polo camiño chega un sacerdote e logo un levita. Ambos pertencen ao mundo oficial do templo. Son persoas relixiosas. Sen dúbida se apiadarán del.
Pois non é así. Ao veren ao ferido, os dous pechan os seus ollos e o seu corazón. Para eles é coma se aquel home non existise: «Dan un rodeo e liscan lonxe», sen detérense. Ocupados na súa piedade e o seu culto a Deus, seguen o seu camiño. A súa preocupación non son os que sofren.
No horizonte aparece un terceiro viaxeiro. Non é sacerdote nin levita. Non vén do templo nin pertence sequera ao pobo elixido. É un depreciábel «samaritano». Del pódese esperar sempre o peor.
Con todo, ao ver ao ferido «conmóvenselle as entrañas». Non lisca de alí. Achégase a el e fai todo o que pode: desinfecta as súas feridas, faille as curas e véndaas. Logo lévao na súa cabalgadura ata unha pousada. Alí cóidao persoalmente e procura que o sigan atendendo.
É difícil imaxinarmos unha chamada máis provocativa de Xesús aos seus seguidores, e de xeito directo aos dirixentes relixiosos. Non chega que na Igrexa haxa institucións, organismos e persoas que están xunto aos que sofren. É toda a Igrexa a que ten de aparecer publicamente como a institución máis sensíbel e comprometida cos que sofren física e moralmente.
Se á Igrexa non se lle conmoven as entrañas ante os feridos das cunetas, o que logo faga e o que diga despois será bastante irrelevante. Só a compaixón pode facer hoxe á Igrexa de Xesús máis humana e críbel.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire