ANTES DE AFUNDÍRMONOS
É sorprendente a actualidade que cobra nestes tempos de crise relixiosa o relato da tempestade no lago de Galilea. Mateu describe con trazos certeiros a situación: os discípulos de Xesús atópanse sós, «lonxe de terra firme», no medio da inseguridade do mar; a barca está «sacudida polas olas», desbordada por forzas adversas; «o vento é contrario», todo se volve na contra; é «noite pechada», as tebras impiden ver o horizonte.
Non poucos crentes viven deste xeito o momento actual. Non hai seguridade nin certezas relixiosas; todo se volveu escuro e dubidoso. A relixión está sometida a toda clase de acusacións e sospeitas. Fálase do cristianismo coma dunha «relixión terminal» que pertence ao pasado; dise que estamos entrando nunha «era poscristiana» (E. Poulat). Nalgúns nace o interrogante: non será a relixión un soño irreal, un mito inxenuo chamado a desaparecer? Este é o grito dos discípulos ao atisbaren a Xesús no medio da tempestade: «É unha pantasma».
A reacción de Xesús é inmediata: «Ánimo, son eu, non teñades medo». Animado por estas palabras, Pedro faille a Xesús unha petición inaudita: «Señor, si es ti, mándame ir a ti andando sobre da auga». Non sabe se Xesús é unha pantasma ou alguén real, pero quere comprobar que se pode camiñar cara a el andando, non sobre terra firme, senón sobre a auga, non apoiándose en argumentos seguros, senón na debilidade da fe.
Así vive o crente a súa adhesión a Cristo en momentos de crises e escuridade. Non sabemos se Cristo é unha pantasma ou alguén vivo e real, resucitado polo Pai para a nosa salvación. Non temos argumentos científicos para comprobalo, pero sabemos por experiencia que se pode camiñar pola vida sostidos pola fe nel e na súa palabra.
Non é fácil vivir desta fe espida. O relato evanxélico dinos que Pedro «sentiu a forza do vento», «entroulle medo» e «empezou a afundirse». É un proceso moi coñecido: fixarnos só na forza do mal, deixármonos paralizar polo medo e afundírmonos na desesperanza.
Pedro reacciona e, antes de afundirse do todo, berra: «Señor, sálvame». A fe é moitas veces un grito, unha invocación, unha chamada a Deus: «Señor, sálvame». Sen saber nin como nin por que, é posíbel entón percibir a Cristo como unha man tendida que sostén a nosa fe e nos salva, á vez que nos di: «Home de pouca fe, por que dubidas?».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire