O ROSTRO HUMANO
DE DEUS
O cuarto evanxeo comeza cun prólogo moi especial. É unha especie de himno que, desde os primeiros séculos, axudou decisivamente aos cristiáns a profundar no misterio escondido en Xesús. Se o escoitamos con fe sinxela, tamén hoxe nos pode axudar a crer en Xesús de maneira máis profunda. Detémonos só nalgunhas afirmacións centrais.
«A Palabra de Deus fíxose carne». Deus non é mudo. Non permaneceu calado, encerrado para sempre no seu Misterio. Deus quíxosenos comunicar. Quixo falarnos, dicirnos o seu amor, explicarnos o seu proxecto. Xesús é sinxelamente o Proxecto de Deus feito carne.
Pero Deus non se nos comunicou por medio de conceptos e doutrinas sublimes que só poden entenderen os doctos. A súa Palabra encarnouse na vida entrañábel de Xesús, para que o poidan entender até os máis sinxelos, os que saben conmoverse ante a bondade, o amor e a verdade que se encerra na súa vida.
Esta Palabra de Deus «acampou entre nós». Desapareceron as distancias. Deus fíxose «carne». Habita entre nós. Para atopármonos con el non temos que saír fóra do mundo, senón achegármonos a Xesús. Para coñecelo non hai que estudar teoloxía, senón sintonizar con Xesús, comulgar con el.
«A Deus ninguén o viu xamais». Os profetas, os sacerdotes, os mestres da lei falaban moito de Deus, pero ningún vira o seu rostro. O mesmo sucede hoxe entre nós: na Igrexa falamos moito de Deus, pero ningún de nós o viu. Só Xesús, «o Fillo de Deus, que está no seo do Pai, é quen o deu a coñecer».
Non o habemos esquecer. Só Xesús nos contou como é Deus. Só el é a fonte para achegármonos ao seu Misterio. Cantas ideas raquíticas e pouco humanas de Deus temos de desaprendermos para deixarnos atraer e seducir por ese Deus que se nos revela en Xesús.
Como cambia todo cando captamos por fin que Xesús é o rostro humano de Deus. Todo se fai máis sinxelo e máis claro. Agora sabemos como nos mira Deus cando sufrimos, como nos busca cando nos perdemos, como nos entende e perdoa cando o negamos. Nel revélasenos «a graza e a verdade» de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire