O PERCORRIDO CARA Á FE
Os discípulos de Xesús tiveron unha experiencia inaudita. Tomé estaba ausente. En canto o ven chegar comunícanllo cheos de alegría: «Vimos ao Señor». Tomé escóitaos con escepticismo. Por que vai crer el algo tan absurdo? Como poden dicir que viron a Xesús cheo de vida, se morreu crucificado? En todo caso, será outro.
Os discípulos dinlle que lles mostrou as feridas das súas mans e o seu costado. Tomé «non pode» aceptar o testemuño de ninguén. Necesita comprobalo persoalmente: «Se non vexo nas súas mans o sinal dos seus cravos… e non meto a man no seu costado, non o creo». Só crerá na súa propia experiencia.
Este discípulo, que se resiste a crer de maneira inxenua, vai ensinar o percorrido que temos de facer para chegarmos á fe en Cristo resucitado os que nin sequera vimos o rostro de Xesús, nin escoitamos as súas palabras, nin sentimos os seus abrazos.
Aos oito días preséntase de novo Xesús. E diríxese inmediatamente a Tomé.. As súas dúbidas non teñen para el nada de ilexítimo ou escandaloso. Non critica a súa formulación. A súa resistencia para crer revela a súa honestidade. Xesús enténdeo e vén ao seu encontro mostrándolle as súas feridas.
Xesús ofrécese a satisfacer as súas esixencias: «Tomé, trae o teu dedo, aquí tes as miñas mans. Trae a túa man, aquí tes o meu costado». Antes que «probas» para verificar algo, esas feridas non son «signos» do seu amor entregado ata a morte? Por iso Xesús convídao a profundar máis aló das súas dúbidas: «Non sexas incrédulo, senón crente».
Tomás renuncia a verificar nada. Xa non sente necesidade de probas. Só experimenta a presenza do Mestre, que o ama, que o atrae e convida a confiar. Tomé, o discípulo que ata atoparse con Xesús fixo un percorrido máis longo e laborioso do que ninguén, tamén chega máis lonxe ca ninguén na fondura da súa fe: «meu Señor e meu Deus». Ninguén confesou así a Xesús.
Non temos de asustarnos ao sentir que brotan en nós dúbidas e interrogantes. As dúbidas, vividas de maneira sa, rescátannos dunha fe superficial que se contenta con repetir fórmulas, sen medrar en confianza e amor. As dúbidas estimúlannos a ir ata o final na nosa confianza no Misterio de Deus encarnado en Xesús.
A fe cristiá crece en nós cando nos sentimos amados e atraídos por ese Deus cuxo rostro podemos albiscar no relato que os evanxeos nos fan de Xesús. Entón, a súa chamada a confiarmos ten en nós máis forza do que as nosas propias dúbidas. «Ditosos os que crean sen ver».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire