APRENDERMOS A VIVIR
O evanxelista Xoán puxo un interese especial en indicar aos seus lectores como se iniciou o pequeno grupo de seguidores de Xesús. Todo parece casual. O Bautista fíxase en Xesús, que pasaba por alí, e dilles aos discípulos que o acompañan: «Este é o Cordeiro de Deus».
Probabelmente, os discípulos non lle entenderon gran cousa, pero comezan a «seguiren a Xesús». Durante un tempo, camiñan en silencio. Non houbo aínda un verdadeiro contacto con el. Están seguindo a un descoñecido e non saben exactamente por que nin para que.
Xesús rompe o silencio cunha pregunta: «Que buscades?» Que esperades de min? Queredes orientar a vosa vida na dirección que levo eu?
Son cousas que é necesario aclarar ben. Os discípulos dinlle: «Mestre, onde vives?» Cal é o segredo da túa vida? Que é vivir para ti? Ao parecer, non buscan coñecer novas doutrinas. Queren aprender de Xesús un modo diferente de viviren. Queren vivir coma el.
Xesús respóndelles directamente: «Vinde e verédelo». Facede vós mesmos a experiencia. Non busquedes información de fóra. Vinde vivir comigo e descubriredes como vivo eu, desde onde oriento a miña vida, a quen me dedico, por que vivo así.
Este é o paso decisivo que necesitamos darmos hoxe para inaugurar unha fase nova na historia do cristianismo. Millóns de persoas dinse cristiás, pero non experimentaron un verdadeiro contacto con Xesús. Non saben como viviu, ignoran o seu proxecto. Non aprenden nada especial del.
Mentres tanto, nas nosas Igrexas non temos capacidade para procrearmos novos crentes. A nosa palabra xa non resulta atractiva nin críbel. Ao parecer, o cristianismo, tal como nós o entendemos e vivimos, interesa cada vez menos. Se alguén se achegase a preguntarnos «onde vivides», «que hai de interesante nas vosas vidas»? Como responderiamos?
É urxente que os cristiáns se reúnan en pequenos grupos para aprenderen a vivir ao estilo de Xesús escoitando xuntos o evanxeo. El é máis atractivo e críbeldo que todos nós. Pode procrear novos seguidores, pois ensina a vivir de xeito diferente e interesante.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire