NON DE CALQUERA XEITO
Xesús vai camiño de Xerusalén . O evanxelista dinos que «o seguía moita xente». Con todo, Xesús non se fai ilusións. Non se deixa enganar por entusiasmos fáciles das xentes. A algúns preocúpalles hoxe como vai descendendo o número dos cristiáns. A Xesús interesáballe máis a calidade dos seus seguidores do que o seu número.
De súpeto vólvese e comeza a falarlle a aquel xentío das esixencias concretas que leva consigo acompañalo de xeito lúcido e responsábel. Non quere que a xente o siga de calquera xeito. Ser discípulo de Xesús é unha decisión que ha marcar a vida enteira da persoa.
Xesús fálalles, en primeiro lugar, da familia. Aquelas xentes teñen a súa propia familia: pais e nais, mulleres e fillos, irmáns e irmás. Son os seus seres máis queridos e entrañábeis. Pero, se non deixan de lado os intereses familiares para colaboraren con el en promover unha familia humana, non baseada en lazos de sangue senón construída desde a xustiza e a solidariedade fraterna, non poderán seren discípulos seus.
Xesús non está pensando en desfacer os fogares eliminando o agarimo e a convivencia familiar. Pero, se alguén pon cima de todo o honor da súa familia, o patrimonio, a herdanza ou o benestar familiar, non poderá ser o seu discípulo nin traballar con el no proxecto dun mundo máis humano.
Máis aínda. Se alguén só pensa en si mesmo e nas súas cousas, se vive só para gozar do seu benestar, se se preocupa unicamente dos seus intereses, que non se engane, non pode ser discípulo de Xesús. Fáltalle liberdade interior, coherencia e responsabilidade para tomalo en serio.
Xesús segue falando con crueza: «O que non carga coa súa cruz e vén detrás de min, non pode ser discípulo meu». Se un vive evitando problemas e conflitos, se non sabe asumir riscos e penalidades, se non está disposto a soportar sufrimentos polo reino de Deus e a súa xustiza, non pode ser discípulo de Xesús.
Sorprende a liberdade do papa Francisco para denunciar estilos de cristiáns que teñen pouco que ver cos discípulos de Xesús: «cristiáns de bos modais, pero malos costumes», «crentes de museo», «hipócritas da casuística», «cristiáns incapaces de viviren contra corrente», cristiáns «corruptos» que só pensan en si mesmos, «cristiáns educados» que non anuncian o evanxeo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire