O QUE ALGÚNS DIN HOXE
Tamén no novo milenio segue a resoar a pregunta de Xesús: «E vós, quen dicides que son eu?». Non é para levar a cabo unha sondaxe de opinión. É unha pregunta que nos sitúa a cada un nun nivel máis profundo: quen é hoxe Cristo para min? Que sentido ten realmente na miña vida? As respostas poden ser moi diversas:
«Non me interesa. Así de sinxelo. Non me di nada; non conto con el; sei que hai algúns aos que segue interesando; eu interésome por cousas máis prácticas e inmediatas». Cristo desapareceu do horizonte real destas persoas.
«Non teño tempo para iso. Bastante fago con enfrontarme aos problemas de cada día: vivo ocupado, con pouco tempo e humor para pensar en moito máis». Nestas persoas non hai un oco para Cristo. Non chegan a sospeitar o estímulo e a forza que podería el aportar ás súas vidas.
«Resúltame demasiado esixente. Non quero complicarme a vida. Fáiseme incómodo pensar en Cristo. E, ademais, logo vén todo iso de evitar o pecado, esixirme unha vida virtuosa, prácticas relixiosas. É demasiado». Estas persoas descoñecen a Cristo; non saben que podería introducir unha liberdade nova na súa existencia.
«Séntoo coma moi afastado. Todo o que se refire a Deus e á relixión resúltame teórico e arredado; son cousas das que non se pode saber nada con seguridade; ademais, que podo facer para coñecelo mellor e entender de que van as cousas?». Estas persoas necesitan atopar un camiño que as leve a unha adhesión máis viva con Cristo.
Este tipo de reaccións non son algo «inventado»: escoiteinas eu mesmo en máis dunha ocasión. Tamén coñezo respostas aparentemente máis firmes: «son agnóstico»; «adopto sempre posturas progresistas»; «só creo na ciencia». Estas afirmacións resúltanme inevitabelmente artificiais, se non son resultado dunha procura persoal e sincera.
Xesús segue sendo un descoñecido. Moitos non poden xa intuír o que é entender e vivir a vida desde el. Mentres tanto, que estamos a facer os seus seguidores? Falamos a alguén de Xesús? Facémolo críbel coa nosa vida? Deixamos de ser testemuñas súas?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire