O XESTO MÁIS ESCANDALOSO
O xesto máis provocativo e escandaloso de Xesús foi, sen dúbida, a súa forma de acoller con simpatía especial a pecadoras e pecadores, excluídos polos dirixentes relixiosos e marcados socialmente pola súa conduta á marxe da Lei. O que máis os irritaba era o costume de Xesús para comer amigabelmente con eles.
De ordinario, esquecemos que Xesús creou unha situación sorprendente na sociedade do seu tempo. Os pecadores non foxen del. Ao contrario, séntense atraídos pola súa persoa e a súa mensaxe. Lucas dinos que «os pecadores e publicanos adoitaban achegárense a Xesús para escoitalo». Ao parecer, atopan nel unha acollida e comprensión que non atopan en ningunha outra parte.
Mentres tanto, os sectores dos fariseos e dos doutores da Lei, os homes de maior prestixio moral e relixioso ante o pobo, só saben criticar escandalizados o comportamento de Xesús: «Ese acolle aos pecadores e come con eles». Como pode un home de Deus comer na mesma mesa con aquela xente pecadora e indesexábel?
Xesús nunca fixo caso das súas críticas. Sabía que Deus non é o Xuíz severo e rigoroso do que falaban con tanta seguridade aqueles mestres que ocupaban os primeiros asentos nas sinagogas.
El coñece ben o corazón do Pai. Deus entende aos pecadores; ofrece o seu perdón a todos; non exclúe a ninguén; perdóao todo. Ninguén ha escurecer e desfigurar o seu perdón insondábel e gratuíto.
Por iso, Xesús lles ofrece a súa comprensión e a súa amizade. Aquelas prostitutas e recadadores han sentírense acollidos por Deus. É o primeiro de todo. Nada teñen que temer. Poden sentárense á súa mesa, poden beberen viño e cantar cánticos xunto a Xesús. A súa acollida vai curándoos por dentro. Libéraos da vergonza e a humillación. Devólvelles a alegría de viviren.
Xesús acólleos tal como eles son, sen esixirlles previamente nada. Vailles contaxiando a súa paz e a súa confianza en Deus, sen estar seguro de que responderán cambiando de conduta. Faino confiando totalmente na misericordia de Deus que xa os está esperando cos brazos abertos, como un pai bo que corre ao encontro do seu fillo perdido.
A primeira tarefa dunha Igrexa fiel a Xesús non é condenar aos pecadores senón comprendelos e acollelos amigabelmente. En Roma puiden comprobar hai uns meses que, sempre que o papa Francisco insistía en que «Deus perdoa sempre, perdoa todo, perdoa a todos», a xente aplaudía con entusiasmo. Seguramente é o que moita xente de fe pequena e vacilante necesitan escoitaren hoxe con claridade da Igrexa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire