A MELLOR METÁFORA DE DEUS
A parábola máis coñecida de Xesús, e talvez a máis repetida, é a chamada «parábola do pai bo». Que sentiron os que oíron por vez primeira esta parábola inesquecíbel sobre a bondade dun pai preocupado só pola felicidade dos seus fillos?
Sen dúbida, desde o principio ficaron desconcertados. Que clase de pai era este que non impoñía a súa autoridade? Como podía consentir a desvergoña dun fillo que lle pedía repartir a herdanza antes de el morrer? E como podía dividir a súa propiedade poñendo en perigo o futuro da familia?
Xesús desconcertounos aínda máis cando comezou a falar da acollida daquel pai ao fillo cando volvía a casa famento e humillado. Estando aínda lonxe, o pai correu ao seu encontro, abrazouno con tenrura, bicouno efusivamente, interrompeulle a súa confesión e apresurouse a acollelo coma fillo benquerido no seu fogar. Os oíntes non acreditaban. Non podían crer o que estaban a ver. Aquel pai perdera a súa dignidade. Non actuaba como patrón e patriarca dunha familia. Os seus xestos eran máis propios dunha nai que trata de protexer e defender ao seu fillo da vergonza e o deshonra.
Máis tarde tamén tivo de saír ao encontro do fillo maior. Escoitou con paciencia as súas acusacións, faloulle con tenrura especial e invitouno á festa. Só quería ver aos seus fillos sentados á mesma mesa, compartindo un banquete festivo.
Que estaba a suxerir Xesús? É posíbel que Deus sexa así? Como un pai que non garda para si a súa herdanza, que non anda obsesionado pola moralidade dos seus fillos e que, rompendo as regras do correcto, busca para eles unha vida ditosa? Será esta a mellor metáfora de Deus: un pai acollendo cos brazos abertos aos que andan «perdidos» e suplica aos que lle son fieis que acollan con amor a todos?
Os teólogos elaboraron durante vinte séculos discursos profundos sobre Deus, pero esta metáfora de Xesús non segue a ser aínda hoxe a mellor expresión do seu misterio?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire