AS COUSAS NON SON SEMPRE COMO PARECEN
A parábola é unha das máis claras e simples. Un pai achégase aos seus dous fillos para pedirlles que vaian traballar á viña. O primeiro respóndelle cunha negativa rotunda: «Non quero». Logo pénsao mellor e vai traballar. O segundo reacciona cunha docilidade ostentosa: «Por suposto que vou, señor». Con todo, só queda en palabras, pois non vai á viña.
Tamén a mensaxe da parábola é clara e fóra de toda discusión. Ante Deus, o importante non é «falar» senón facer; o decisivo non é prometer ou confesar, senón cumprir a súa vontade. As palabras de Xesús non teñen nada de orixinal.
O orixinal é a aplicación que, segundo o evanxelista Mateu, lanza Xesús aos dirixentes relixiosos daquela sociedade: «Asegúrovos: os publicanos e as prostitutas lévanvos a dianteira no camiño do reino de Deus». Será verdade o que di Xesús?
Os escribas falan constantemente da lei: o nome de Deus está sempre nos seus beizos. Os sacerdotes do templo encomian a Deus sen descanso; a súa boca está chea de salmos. Ninguén dubidaría de que están a facer a vontade do Pai. Pero as cousas non son sempre como parecen. Os recadadores e as prostitutas non falan a ninguén de Deus. Hai tempo que esqueceron a súa lei. Con todo, segundo Xesús, van por diante dos sumos sacerdotes e escribas no camiño do reino de Deus.
Que podía ver Xesús naqueles homes e mulleres desprezados por todos? Talvez a súa humillación. Quizá un corazón máis aberto a Deus e máis necesitado do seu perdón. Seica unha comprensión e unha proximidade maior aos últimos da sociedade. Talvez menos orgullo e prepotencia que a dos escribas e sumos sacerdotes.
Os cristiáns enchemos de palabras moi fermosas a nosa historia de vinte séculos. Construímos sistemas impresionantes que recollen a doutrina cristiá con profundos conceptos. Con todo, hoxe e sempre, a verdadeira vontade do Pai fana aqueles que traducen en feitos o evanxeo de Xesús e aqueles que se abren con sinxeleza e confianza ao seu perdón.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire