NON IGNORAR AO QUE SOFRE
O contraste entre os dous protagonistas da parábola é tráxico. O rico ver de púrpura e de lino. Toda a súa vida é luxo e ostentación. Só pensa en «banquetear esplendidamente cada día». Este rico non ten nome pois non ten identidade. Non é ninguén. A súa vida baleira de compaixón é un fracaso. Non se pode vivir só para banquetear.
Botado no portal da súa mansión xace un esmoleiro, famento, cuberto de chagas. Ninguén lle axuda. Só uns cans se lle achegan lamberlle as súas feridas. Non posúe nada, pero ten un nome portador de esperanza. Chámase «Lázaro» ou «Eliezer», que significa «O meu Deus é axuda».
A súa sorte cambia radicalmente no momento da morte. O rico é enterrado, seguro, con toda solemnidade, pero é levado ao «Hades» ou «reino dos mortos». Tamén morre Lázaro. Nada se di de rito funerario algún, pero «os anxos lévano ao seo de Abrahán». Con imaxes populares do seu tempo, Xesús recorda que Deus ten a última palabra sobre ricos e pobres.
Ao rico non se lle xulga por explotador. Non se di que é un impío afastado da Alianza. Simplemente, gozou da súa riqueza ignorando ao pobre. Tíñao alí mesmo, pero non o viu. Estaba no portal da súa mansión, pero non se achegou a el. Excluíno da súa vida. O seu pecado é a indiferenza.
Segundo os observadores, está crecendo na nosa sociedade a apatía ou falta de sensibilidade ante o sufrimento alleo. Evitamos de mil formas o contacto directo coas persoas que sofren. Aos poucos, ímonos facendo cada vez máis incapaces para percibir a súa aflición.
A presenza dun meniño esmoleiro no noso camiño moléstanos. O encontro cun amigo, doente terminal, túrbanos. Non sabemos que facer nin que dicir. É mellor tomar distancia. Volver canto antes ás nosas ocupacións. Non deixármonos afectar.
Se o sufrimento se produce lonxe é máis fácil. Aprendemos a reducir a fame, a miseria ou a enfermidade a datos, números e estatísticas que nos informan da realidade sen apenas tocaren o noso corazón. Tamén sabemos contemplar sufrimentos horríbeis no televisor, pero, a través da pantalla, o sufrimento sempre é máis irreal e menos terríbel. Cando o sufrimento afecta a alguén máis próximo a nós, esforzámonos de mil xeitos por anestesiar o noso corazón.
Quen segue a Xesús vaise facendo máis sensíbel ao sufrimento dos que atopa no seu camiño. Achégase ao necesitado e, se está nas súas mans, trata de aliviar a súa situación.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire