SOMOS CRENTES?
Xesús repetiulles en diversas ocasións: «Que pequena é a vosa fe!». Os discípulos non protestan. Saben que teñen razón. Levan bastante tempo cabo del. Veno entregado totalmente ao Proxecto de Deus: só pensa en facer o ben; só vive para facer a vida de todos máis digna e máis humana. Poderano seguir ata o final?
Segundo Lucas, nun momento determinado, os discípulos dinlle a Xesús: «Auméntanos a fe». Senten que a súa fe é pequena e débil. Necesitan confiaren máis en Deus e creren máis en Xesús. Non o entenden moi ben, pero non lle discuten. Fan xustamente o máis importante: pedirlle axuda para que faga crecer a súa fe.
Nós falamos de crentes e non crentes, coma se fosen dous grupos ben definidos: uns teñen fe, outros non. En realidade, non é así. Case sempre, no corazón humano de cada quen hai, ao mesmo tempo, un crente e un non crente. Por iso, tamén os que nos chamamos «cristiáns» témonos de preguntar: Somos realmente crentes?
Quen é Deus para nós? Amámolo? É el quen dirixe a nosa vida? A fe pode debilitarse en nós sen que nunca nos asalte unha dúbida. Se non a coidamos, pode irse diluíndo aos poucos no noso interior para quedar reducida sinxelamente a un costume que non nos atrevemos a abandonar polo si ou polo non. Distraídos por mil cosas, xa non acertamos a comunicarnos con Deus. Vivimos practicamente sen el.
Que podemos facer? En realidade, non se necesitan grandes cousas. É inútil que nos fagamos propósitos extraordinarios pois seguramente non os imos cumprir. O primeiro é rezar coma aquel descoñecido que un día se achegou a Xesús e díxolle: «Señor, eu creo, pero ven na axuda da miña incredulidade». É bo repetilas con corazón sinxelo. Deus enténdenos. El espertará a nosa fe.
Non habemos falar con Deus coma se estivese fóra de nós. Está dentro. O mellor é pechar os ollos e ficarmos en silencio para sentirmos e acollermos a súa presenza. Tampouco nos temos de entreter en pensar nel, coma se estivese só na nosa cabeza. Está no íntimo do noso ser. Témolo de buscar no noso corazón.
O importante é insistirmos ata ter unha primeira experiencia, aínda que sexa pobre, aínda que só dure uns instantes. Se un día percibimos que non estamos sos na vida, se captamos que somos amados por Deus sen merecelo, todo cambiará. Non importa que vivamos esquecidos del. Crer en Deus é, primeiro de nada, confiarmos no amor que el nos ten.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire