UN DIÑEIRO QUE NON É NOSO
Nas nosas igrexas pídese diñeiro para os necesitados, pero xa non se expón a doutrina cristiá que sobre o diñeiro predicaron con forza teólogos e predicadores como Ambrosio de Tréveris, Agustín de Hipona ou Bernardo de Claraval.
Unha pregunta aparece constantemente nos seus beizos. Se todos somos irmáns e a terra é un agasallo de Deus para toda a humanidade, con que dereito podemos seguirmos acaparando o que non necesitamos, se con iso estamos privando a outros do que necesitan para viviren? Non hai que afirmar máis ben que o que lle sobra ao rico perténcelle ao pobre?
Non temos de esquecer que posuír algo sempre significa excluírmos daquilo aos demais. Coa «propiedade privada» estamos sempre «privando» a outros daquilo do que nós gozamos.
Por iso, cando damos algo noso aos pobres, en realidade, máis ben, estamos restituíndo o que xa non nos corresponde totalmente. Escoitemos estas palabras de san Ambrosio: «Non lle dás ao pobre do teu, senón que lle devolves o seu. Pois o que é común é de todos, non só dos ricos… Pagas, pois, unha débeda; non dás gratuitamente o que non debes».
Naturalmente, todo isto pode parecer idealismo inxenuo e inútil. As leis protexen de xeito inflexíbel a propiedade privada dos privilexiados, aínda que dentro da sociedade haxa pobres que viven na miseria. San Bernardo reaccionaba así no seu tempo: «Continuamente se ditan leis nos nosos pazos; pero son as leis de Xustiniano, non do Señor».
Non nos ten de estrañar que Xesús, ao atoparse cun home rico que cumpriu desde pícaro todos os mandamentos, lle diga que aínda lle falta unha cousa para adoptar unha postura auténtica no seu seguimento: deixar de acaparar e comezar a compartir o que ten cos necesitados.
O rico afástase de Xesús cheo de tristeza. O diñeiro empobrecérao, quitoulle liberdade e xenerosidade. O diñeiro impídelle escoitar a chamada de Deus a unha vida máis plena e humana. «Que difícil vai ser para os ricos entraren no reino de Deus». Non é unha sorte ter diñeiro. Máis ben é un verdadeiro problema, pois o diñeiro impídenos seguirmos o verdadeiro camiño cara a Xesús e cara ao seu proxecto do reino de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire