A DEUS O QUE É DE DEUS
A trampa que lle tenden a Xesús está ben pensada: «É lícito pagar tributos ao César ou non?». Se responde negativamente, hano acusar de rebelión contra Roma. Se acepta a tributación, quedará desacreditado ante aquelas xentes que viven espremidas polos impostos, e ás que el tanto quere e defende.
Xesús pídelles que lle ensinen «a moeda do imposto». El non a ten, pois vive como un vagabundo itinerante, sen terras nin traballo fixo; non ten problemas cos recadadores. Despois pregúntalles pola imaxe que aparece naquel denario de prata. Representa a Tiberio, e a lenda dicía: «Tiberius Caesar, Divi Augusti Filius Augustus». No reverso podíase ler: «Pontifex Maximus».
O xesto de Xesús é xa clarificador. Os seus adversarios viven escravos do sistema. Ao utilizaren aquela moeda acuñada con símbolos políticos e relixiosos, están recoñecendo a soberanía do emperador. Non é o caso de Xesús, que vive de xeito pobre pero libre, dedicado aos máis pobres e excluídos do Imperio.
Xesús engade entón algo que ninguén suscitou. Pregúntanlle polos dereitos do César e el respóndelles recordando os dereitos de Deus: «Pagádelle ao César o que é do César, pero dade a Deus o que é de Deus». A moeda leva a imaxe do emperador, pero o ser humano, como recorda o vello libro da Xénese, é «imaxe de Deus». Por iso nunca ha de ser sometido a ningún emperador. Xesús recordouno moitas veces. Os pobres son de Deus; os pequenos son os seus fillos predilectos; o reino de Deus perténcelles. Ninguén ha de abusar deles.
Xesús non di que unha metade da vida, a material e económica, pertence á esfera do César, e a outra metade, a espiritual e relixiosa, á esfera de Deus. A súa mensaxe é moi outra: se entramos no reino, non habemos de consentir que ningún César sacrifique o que só lle pertence a Deus: os famentos do mundo, os subsaharianos abandonados que chegan nas pateras, os «sen papeis» das nosas cidades. Que ningún César conte connosco.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire