CONTRA A XERARQUÍA DE PODER
Santiago e Xoán achéganse a Xesús cunha petición estraña: ocupar os postos de honra xunto a el. «Non saben o que piden». Así lles di Xesús. Non entenderon nada do seu proxecto ao servizo do reino de Deus e a súa xustiza. Non pensan en «seguilo». Senón en «sentaren» eles nos primeiros postos.
Ao ver a súa postura, os outros dez tamén se «indígnan». Porque tamén eles alimentan os mesmos soños ambiciosos. Todos buscan obter algún poder, honra ou prestixio. A escena é escandalosa. Como se pode acoller a un Deus Pai e traballar por un mundo máis fraterno cun grupo de discípulos animados por este espírito?
O pensamento de Xesús é claro. «Non ha de ser así entre vós!». Hai que ir exactamente en dirección oposta. É preciso arrincar de raíz do seu movemento de seguidores a «enfermidade» do poder que todos están a coñeceren no imperio do Tiberio e no goberno do Antipas. Un poder que non fai senón «tiranizar» e «oprimir».
Entre os seus, non ten de existir esa xerarquía de poder. Ninguén está cima dos demais. Non hai amos nin donos. A parroquia non é do párroco. A Igrexa non é dos bispos e cardeais. O pobo non é dos teólogos. O que queira ser grande que se poña a servir a todos.
O verdadeiro modelo é Xesús!: Non goberna, non impón, non domina nin controla. Non ambiciona ningún poder. Non se apropia de títulos honoríficos. Non busca o seu propio interese. O propio del é «servir» e «dar a vida». Por iso é o primeiro e o máis grande.
Necesitamos na Igrexa cristiáns dispostos a gastar a súa vida polo proxecto de Xesús, non por outros intereses. Crentes sen ambicións persoais, que traballen de maneira calada por un mundo máis humano e unha Igrexa máis evanxélica. Seguidores de Xesús que «se impoñan» pola calidade da súa vida de servizo.
Pais que se desviven polos seus fillos. Educadores entregados día a día á súa difícil tarefa. Homes e mulleres que fixeron da súa vida un servizo aos necesitados. Son o mellor que temos na Igrexa. E na sociedade. Os máis «grandes» aos ollos de Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




