ATREVERÉMONOS A COMPARTIR?
Os medios de comunicación infórmannos cada vez con máis rapidez do que acontece no mundo. Coñecemos cada vez mellor as inxustizas, miserias e abusos que se cometen diariamente en todos os países.
Esta información crea facilmente en nós un certo sentimento de solidariedade con tantos homes e mulleres, vítimas dun mundo egoísta e inxusto. Ata pode espertar un sentimento de vaga culpabilidade. Pero, ao mesmo tempo, acrecenta a nosa sensación de impotencia.
As nosas posibilidades de actuación son moi exiguas. Todos coñecemos máis miseria e inxustiza da que podemos remediar coas nosas forzas. Por iso é difícil evitarmos unha pregunta no fondo da nosa conciencia ante unha sociedade tan deshumanizada: «Que podemos facer?».
Xoán Bautista ofrécenos unha resposta terríbel no medio da súa simplicidade. Unha resposta decisiva, que nos acarea a cada un coa nosa propia verdade. «O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non ten; e o que teña comida faga o mesmo».
Non é fácil escoitar estas palabras sen sentirmos certo malestar. Necesítase valor para acollelas. Necesítase tempo para deixarnos interpelar. Son palabras que fan sufrir. Aquí termina a nosa falsa «boa vontade». Aquí revélase a verdade da nosa solidariedade. Aquí dilúese o noso sentimentalismo relixioso. Que podemos facer? Sinxelamente compartirmos o que temos cos que o necesitan.
Moitas das nosas discusións sociais e políticas, moitas das nosas protestas e gritos, que con frecuencia nos dispensan dunha actuación máis responsábel, fican reducidas de súpeto a unha pregunta moi sinxela. Atreverémonos a compartirmos o noso cos necesitados?
De xeito inxenuo cremos case sempre que a nosa sociedade será máis xusta e humana cando cambien os demais, e cando se transformen as estruturas sociais e políticas que nos impiden sermos máis humanos.
E, con todo, as sinxelas palabras do Bautista obrígannos a pensar que a raíz das inxustizas está tamén en nós. As estruturas reflicten demasiado ben o espírito que nos anima a case todos. Reproducen con fidelidade a ambición, o egoísmo e a sede de posuír que hai en cada un de nós.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire