UN TEMPLO NOVO
Os catro evanxelistas fanse eco do xesto provocativo de Xesús expulsando do templo a «vendedores» de animais e «cambistas» de diñeiro. Non pode soportar ver a casa do seu Pai chea de xentes que viven do culto. A Deus non se lle compra con «sacrificios».
Pero Xoán, o último evanxelista, engade un diálogo cos xudeus no que Xesús afirma de xeito solemne que, trala destrución do templo, «el levantarao en tres días». Ninguén pode entender o que di. Por iso, o evanxelista engade: «Xesús falaba do templo do seu corpo».
Non esquezamos que Xoán está escribindo o seu evanxeo cando o templo de Xerusalén xa leva vinte ou trinta anos destruído. Moitos xudeus séntense orfos. O templo era o corazón da súa relixión. Como poderán sobreviviren sen a presenza de Deus no medio do pobo?
O evanxelista recorda aos seguidores de Xesús que eles non han sentiren nostalxia do vello templo. Xesús, «destruído» polas autoridades relixiosas, pero «resucitado» polo Pai, é o «novo templo». Non é unha metáfora atrevida. É unha realidade que ha marcar para sempre a relación dos cristiáns con Deus.
Para os que ven en Xesús o novo templo onde habita Deus, todo é diferente. Para atoparse con Deus, non basta entrar nunha igrexa. É necesario achegarse a Xesús, entrar no seu proxecto, seguir os seus pasos, vivir co seu espírito.
Neste novo templo, que é Xesús, para adorar a Deus non basta o incenso, as aclamacións nin as liturxias solemnes. Os verdadeiros adoradores son aqueles que viven ante Deus «en espírito e en verdade». A verdadeira adoración consiste en vivir co «Espírito» de Xesús na «Verdade» do Evanxeo. Sen isto, o culto é «adoración baleira».
As portas deste novo templo que é Xesús están abertas a todos. Ninguén está excluído. Poden entraren nel os pecadores, os impuros e, ata, os pagáns. O Deus que habita en Xesús é de todos e para todos. Neste templo non se fai discriminación algunha. Non hai espazos diferentes para homes e para mulleres. En Cristo xa «non hai varón e muller». Non hai razas elixidas nin pobos excluídos. Os únicos preferidos son os necesitados de amor e de vida. Necesitamos igrexas e templos para celebrarmos a Xesús como Señor, pero el é o noso verdadeiro templo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire