COAS VÍTIMAS
Segundo os relatos evanxélicos, o Resucitado preséntase aos seus discípulos coas chagas do Crucificado. Non é este un detalle banal, de interese secundario, senón unha observación de importante contido teolóxico. As primeiras tradicións cristiás insisten sen excepción nun dato que, polo xeral, non adoitamos valorar hoxe na súa xusta medida: Deus non resucitou a calquera; resucitou a un crucificado.
De maneira máis concreta, este resucitou a alguén que anunciou a un Pai que ama aos pobres e perdoa aos pecadores; alguén que se solidarizou con todas as vítimas; alguén que, ao atoparse el mesmo coa persecución e o rexeitamento, mantivo ata o final a súa confianza total en Deus.
A resurrección de Xesús é, pois, a resurrección dunha vítima. Ao resucitar a Xesús, Deus non só libera a un morto da destrución da morte. Ademais «fai xustiza» a unha vítima dos homes. E isto lanza nova luz sobre o «ser de Deus».
Na resurrección non só se nos manifesta a omnipotencia de Deus sobre o poder da morte. Revélasenos tamén o triunfo da súa xustiza sobre as inxustizas que cometen os seres humanos. Por fin e de maneira plena trunfa a xustiza sobre a inxustiza, a vítima sobre o verdugo.
Esta é a gran noticia. Deus revélasenos en Xesús Cristo como o «Deus das vítimas». A resurrección de Cristo é a «reacción» de Deus ao que os seres humanos fixeron co seu Fillo. Así o subliña a primeira predicación dos discípulos: «Vós matástelo elevándoo a unha cruz… pero Deus resucítao de entre os mortos». Onde nós poñemos morte e destrución, Deus pon vida e liberación.
Na cruz, Deus aínda garda silencio e cala. Ese silencio non é manifestación da súa impotencia para salvar ao Crucificado. É expresión da súa identificación cos que sofren. Deus está aí compartindo ata o final o destino das vítimas. Os que sofren han de saber que non están afundidos na soidade. Deus mesmo está no seu sufrimento.
Na resurrección, pola contra, Deus fala e actúa para despregar a súa forza creadora en favor do Crucificado. A última palabra tena Deus. E é unha palabra de amor resucitador cara ás vítimas. Os que sofren han saber que o seu sufrimento terminará en resurrección.
A historia segue. Son moitas as vítimas que seguen sufrindo hoxe, maltratadas pola vida ou crucificadas inxustamente. O cristián sabe que Deus está nese sufrimento. Coñece tamén a súa última palabra. Por iso o seu compromiso é claro: defender ás vítimas. Loitar contra todo poder que mata e deshumaniza. Esperar a vitoria final da xustiza de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire