TI ÁMASME?
Esta pregunta que o Resucitado dirixe a Pedro recórdanos a todos os que nos dicimos crentes que a vitalidade da fe non é un asunto de comprensión intelectual, senón de amor a Xesús Cristo.
É o amor o que permite a Pedro entrar nunha relación viva con Cristo resucitado que nos pode introducir tamén a nós no misterio cristián. Quen non ama dificilmente poderá «entender» algo da fe cristiá.
Non habemos esquecer que o amor brota en nós cando comezamos a abrírmonos á outra persoa nunha actitude de confianza e entrega que vai sempre máis aló de razóns, probas e demostracións. Dalgún xeito, amar sempre é «aventurarse» no outro.
Así sucede tamén na fe cristiá. Eu teño razóns que me invitan a crer en Xesús Cristo. Pero, se o amo, non é só polos datos que me facilitan os investigadores nin polas explicacións que me ofrecen os teólogos, senón porque el esperta en min unha confianza radical na súa persoa.
Pero hai algo máis. Cando queremos realmente a unha persoa concreta, pensamos nela, buscámola, escoitámola, sentímonos moi cerca. Dalgún xeito, toda a nosa vida fica tocada e transformada por ela, pola súa vida e polo seu misterio.
A fe cristiá é «unha experiencia de amor». Por iso, crer en Xesús Cristo é moito máis do que «aceptarmos verdades» en relación con el. Cremos realmente cando experimentamos que el se vai convertendo no centro do noso pensar, do noso querer e de todo o noso vivir. Un teólogo tan pouco sospeitoso de frivolidades como Karl Rahner non dubida en afirmar que só podemos crer en Xesús Cristo «no caso de que queiramos amalo e teñamos valor para abrazalo».
Este amor a Xesús non reprime nin destrúe o noso amor ás persoas. Ao contrario, é xustamente o que pode darlle a súa verdadeira fondura, liberándoo da mediocridade e da mentira. Cando se vive en comuñón con Cristo é máis fácil descubrirmos que iso que chamamos «amor» non é moitas veces senón o «egoísmo sensato e calculador» de quen sabe comportarse habilmente, sen arriscarse nunca a amar con xenerosidade total.
A experiencia do amor a Cristo pode darnos forzas para amar ata sen estarmos a esperar sempre algunha ganancia ou para renunciar “polo menos algunha vez” a pequenas vantaxes para servirmos mellor a quen nos necesita. Talvez algo realmente novo se produciría nas nosas vidas se fósemos quen de escoitarmos con sinceridade a pregunta do Resucitado: «Ti, ámasme?».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire