QUEN SON EU
PARA XULGAR?
A parábola do fariseo e o publicano adoita espertar en non poucos cristiáns un rexeitamento grande cara ao fariseo que se presenta ante Deus arrogante e seguro de si mesmo e unha simpatía espontánea cara ao publicano que recoñece humildemente o seu pecado. Paradoxalmente, o relato pode espertar en nós este sentimento: «Douche grazas, meu Deus, porque non son coma este fariseo».
Para escoitar correctamente a mensaxe da parábola, habemos ter en conta que Xesús non a conta para criticar aos sectores fariseos, senón para sacudir a conciencia de «algúns que presumían de ser homes de ben e desprezaban aos demais». Entre estes atopámonos, de certo, non poucos católicos dos nosos días.
A oración do fariseo revélanos a súa actitude interior: «Oh Deus! Douche grazas porque non son coma os demais». Que clase de oración é esta de crerse mellor do que os demais? Ata un fariseo, fiel cumpridor da Lei, pode vivir nunha actitude pervertida. Este home séntese xusto ante Deus e, precisamente por iso, convértese en xuíz que despreza e condena aos que non son coma el.
O publicano, pola contra, só acerta a dicir: «Oh Deus! Ten compaixón deste pecador». Este home recoñece humildemente o seu pecado. Non se pode gloriar da súa vida. Encoméndase á compaixón de Deus. Non se compara con ninguén. Non xulga aos demais. Vive en verdade ante si mesmo e ante Deus.
A parábola é unha penetrante crítica que desenmascara unha actitude relixiosa enganosa, que nos permite vivirmos seguros da nosa inocencia, mentres condenamos desde a nosa suposta superioridade moral a todo o que non pensa ou actúa coma nós.
Circunstancias históricas e correntes triunfalistas afastadas do evanxeo fixéronnos aos católicos especialmente proclives a esa tentación. Por iso, habemos ler a parábola cada un en actitude autocrítica: Por que nos creemos mellores do que os agnósticos? Por que nos sentimos máis preto de Deus do que os non practicantes? Que hai no fondo de certas oracións pola conversión dos pecadores? Que é reparar os pecados dos demais sen vivirmos converténdonos a Deus?
En certa ocasión, ante a pregunta dun xornalista, o papa Francisco fixo esta afirmación: «Quen son eu para xulgar a un gay?». As súas palabras sorprenderon a case todos. Ao parecer, ninguén esperaba unha resposta tan sinxela e evanxélica dun papa católico. Con todo, esa é a actitude de quen vive en verdade ante Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire