CONTRASTE
O contraste entre as dúas escenas é total. Na primeira, Xesús pon á xente en garda fronte aos escribas do templo. A súa relixión é falsa: utilízana para buscaren a súa propia gloria e explotaren aos máis débiles. Non hai que admiralos nin seguir o seu exemplo. Na segunda, Xesús observa o xesto dunha pobre viúva e chama aos seus discípulos. Desta muller poden aprender algo que nunca lles ensinarán os escribas: unha fe total en Deus e unha xenerosidade sen límites.
A crítica de Xesús aos escribas é dura. No canto de orientaren ao pobo cara a Deus buscando a súa gloria, atraen a atención da xente cara a si mesmos buscando o seu propio honor. Gústalles «paseárense con amplas roupaxes» buscando saúdos e reverencias da xente. Na liturxia das sinagogas e nos banquetes buscan «os asentos de honor» e «os primeiros postos».
Pero hai algo que, sen dúbida, lle doe a Xesús máis do que este comportamento fatuo e pueril de seren contemplados, saudados e reverenciados. Mentres aparentan unha piedade profunda nos seus «longos rezos» en público, aprovéitanse do seu prestixio relixioso para viviren á costa das viúvas, os seres máis débiles e indefensos de Israel segundo a tradición bíblica.
Precisamente, unha destas viúvas vai poñer en evidencia a relixión corrupta destes dirixentes relixiosos. O seu xesto pasou desapercibido a todos, pero non para Xesús. A pobre muller só botou no peto das ofrendas dúas pequenas moedas, pero Xesús chama enseguida aos seus discípulos pois dificilmente atoparán no ambiente do templo un corazón máis relixioso e máis solidario cos necesitados.
Esta viúva non anda buscando honores nin prestixio algún; actúa de xeito calado e humilde. Non pensa en explotar a ninguén; ao contrario, dá todo o que ten porque outros o poden necesitar. Segundo Xesús, deu máis do que ninguén, pois non dá o que lle sobra, senón «todo o que ten para vivir».
Non nos equivoquemos. Estas persoas sinxelas, pero de corazón grande e xeneroso, que saben amar sen reservas, son o mellor que temos na Igrexa. Elas son as que fan o mundo máis humano, as que creen de verdade en Deus, as que manteñen vivo o Espírito de Xesús no medio doutras actitudes relixiosas falsas e interesadas. Destas persoas temos de aprender a seguirmos a Xesús. Son as que máis se lle parecen.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire