ESPERTAR Á RESPONSABILIDADE
A parábola dos talentos é un relato aberto que se presta a lecturas diversas. De feito, comentaristas e predicadores interpretárona con frecuencia nun sentido alegórico orientado en diferentes direccións. É importante que nos centremos na actuación do terceiro servo, pois ocupa a maior atención e espazo na parábola.
A súa conduta é estraña. Mentres os outros servos se dedican a faceren frutificar os bens que lles confiou o seu señor, ao terceiro non se lle ocorre nada mellor que «esconder baixo terra» o talento recibido para conservalo seguro. Cando o señor chega, condénao como servo «neglixente, nugallán e preguiceiro» que non entendeu nada. Como se explica o seu comportamento?
Este servo non se sente identificado co seu señor nin cos seus intereses. En ningún momento actúa movido polo amor. Non ama ao seu señor, tenlle medo. E é precisamente ese medo o que o leva a actuar buscando a súa propia seguridade. El mesmo explícao todo: «Tiven medo e fun esconder o meu talento baixo terra».
Este servo non entende en que consiste a súa verdadeira responsabilidade. Pensa que está a responder ás expectativas do seu señor conservando o seu talento seguro, aínda que improductivo. Non coñece o que é unha fidelidade activa e creativa. Non se implica nos proxectos do seu señor. Cando este chega, dillo claramente: «Aquí tes o teu».
Nestes momentos en que, ao parecer, o cristianismo de non poucos chegou a un punto no que o primordial é «conservar» e non tanto buscar con coraxe camiños novos para acoller, vivir e anunciar o seu proxecto do reino de Deus, habemos escoitar atentamente a parábola de Xesús. Hoxe dínola a nós.
Se nunca nos sentimos chamados a seguirmos as esixencias de Cristo máis aló do ensinado e mandado sempre; se non arriscamos nada por facer unha Igrexa máis fiel a Xesús; se nos mantemos alleos a calquera conversión que nos poida complicar a vida; se non asumimos a responsabilidade do reino como fixo Xesús, buscando «viño novo en odres novos», é que necesitamos aprendermos a fidelidade activa, creativa e arriscada á que nos convida a súa parábola.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire