PARA TEMPOS DIFÍCILES
Os profundos cambios socioculturais que se están a producir nos nosos días e a crise relixiosa que sacode as raíces do cristianismo en occidente, hannos de urxir máis que nunca a buscarmos en Xesús a luz e a forza que necesitamos para ler e vivir estes tempos de xeito lúcido e responsábel.
Chamada ao realismo
En ningún momento augura Xesús aos seus seguidores un camiño fácil de éxito e gloria. Ao contrario, dálles a entender que a súa longa historia estará chea de dificultades e loitas. É contrario ao espírito de Xesús cultivar o triunfalismo ou alimentar a nostalxia de grandezas. Este camiño que a nós nos parece estrañamente duro é o máis acorde a unha Igrexa fiel ao seu Señor.
Non á inxenuidade
En momentos de crises, desconcerto e confusión non é estraño que se escoiten mensaxes e revelacións propoñendo camiños novos de salvación. Estas son as consignas de Xesús. En primeiro lugar, «que ninguén vos engane»: non caer na inxenuidade de dar crédito a mensaxes alleas ao evanxeo, nin fóra nin dentro da Igrexa. Xa que logo, «non vaiades tras eles»: Non seguir a quen nos separan de Xesús Cristo, único fundamento e orixe da nosa fe.
Centrármonos no esencial
Cada xeración cristiá ten os seus propios problemas, dificultades e procuras. Non habemos perder a calma, senón asumirmos a nosa propia responsabilidade. Non se nos pide nada que estea por cima das nosas forzas. Contamos coa axuda do mesmo Xesús: «Eu dareivos palabras e sabedoría»… Ata nun ambiente hostil de rexeitamento ou desafecto, podemos practicar o evanxeo e vivirmos con sensatez cristiá.
A hora do testemuño
Os tempos difíciles non han ser tempos para os queixumes, a nostalxia ou o desalento. Non é a hora da resignación, a pasividade ou a dimisión. A idea de Xesús é outra: en tempos difíciles «teredes ocasión de dar testemuño». É agora precisamente cando temos de reavivar entre nós a chamada a sermos testemuñas humildes pero convincentes de Xesús, da súa mensaxe e do seu proxecto.
Paciencia
Esta é a exhortación de Xesús para momentos duros: «Coa vosa perseveranza salvaredes as vosas almas». A verba orixinal pode ser traducida indistintamente como «paciencia» ou «perseveranza». Entre os cristiáns falamos pouco da paciencia, pero necesitámola máis que nunca. É o momento de cultivar un estilo de vida cristiá, paciente e tenaz, que nos axude a responder a novas situacións e retos sen perdermos a paz nin a lucidez.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire