DEUS AMA O MUNDO
Non é unha frase máis: Palabras que se poderían eliminar do evanxeo, sen que nada importante cambiase. É a afirmación que recolle o núcleo esencial da fe cristiá. «Tanto amou Deus ao mundo que entregou ao seu Fillo único». Este amor de Deus é a orixe e o fundamento da nosa esperanza.
«Deus ama o mundo». Ámao tal como é. Inacabado e incerto. Cheo de conflitos e contradicións. Capaz do mellor e do peor. Este mundo non percorre o seu camiño só, perdido e desamparado. Deus envólveo co seu amor polos catro costados. Isto ten consecuencias da máxima importancia.
- Xesús é, antes nada, o «agasallo» que Deus fixo ao mundo, non só aos cristiáns. Os investigadores poden discutiren sen fin sobre moitos aspectos da súa figura histórica. Os teólogos poden seguiren desenvolvendo as súas teorías máis enxeñosas. Só quen se achega a Xesús Cristo como o gran agasallo de Deus, pode ir descubrindo en todos os seus xestos, con emoción e gozo, a proximidade de Deus a todo ser humano.
- A razón de ser da Igrexa, o único que xustifica a súa presenza no mundo, é recordar o amor de Deus. Subliñouno moitas veces o Concilio Vaticano II: A Igrexa «é enviada por Cristo a manifestar e comunicar o amor de Deus a todos os homes». Nada hai máis importante. O primeiro é comunicar ese amor de Deus a todo ser humano.
- Segundo o evanxelista, Deus faille ao mundo ese grande agasallo que é Xesús, «non para xulgar ao mundo, senón para que o mundo se salve por el». É moi perigoso facer da denuncia e a condena do mundo moderno todo un programa pastoral. Só co corazón cheo de amor a todos, podemos chamarnos uns a outros á conversión. Si as persoas se senten condenadas por Deus, non lles estamos transmitindo a mensaxe de Xesús senón outra cousa: tal vez, o noso resentimento e anoxo.
- Nestes intres en que todo parece confuso, incerto e desalentador, nada nos impide a cada un introducirmos un pouco de amor no mundo. É o que fixo Xesús. Non hai que esperar nada. Por que non vai haber nestes momentos homes e mulleres bos, que introduzan entre nós amor, amizade, compaixón, xustiza, sensibilidade e axuda aos que sofren? Estes constrúen a Igrexa de Xesús, a Igrexa do amor.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire