VAI CONNOSCO
O símbolo de Xesús como bo pastor produce hoxe nalgúns cristiáns certo amolo. Non queremos ser tratados coma ovellas dun rabaño. Non necesitamos a ninguén que goberne e controle a nosa vida. Queremos ser respectados. Non necesitamos de ningún pastor.
Non sentían así os primeiros cristiáns. A figura de Xesús, bo pastor, converteuse ben axiña na imaxe máis querida de Xesús. Xa nas catacumbas de Roma o representan cargando á ovella perdida sobre os seus ombreiros. Ninguén está a pensar en Xesús como un pastor autoritario, dedicado a vixiar e controlar os seus seguidores, senón como un pastor bo que coida das súas ovellas.
O «pastor bo» preocúpase das súas ovellas. É o seu primeiro trazo. Non as abandona nunca. Non as esquece. Vive pendente delas. Está sempre atento ás máis débiles ou ás máis enfermas. Non é como o pastor mercenario, que, cando ve algún perigo, foxe para salvar a súa vida, abandonando ao rabaño: porque non lle importan as ovellas.
Xesús deixara un recordo indelébel. Os relatos evanxélicos descríbeno preocupado polos enfermos, polos marxinados, os pequenos, os máis indefensos e esquecidos, os máis perdidos. Non parece preocuparse de si mesmo. Sempre se lle ve pensando nos demais. Impórtanlle sobre todo os máis desvalidos.
Pero hai algo máis. «O pastor bo dá a vida polas súas ovellas». É o segundo trazo. Ata cinco veces repite o evanxeo de Xoán esta linguaxe. O amor de Xesús á xente non ten límites. Ama aos demais máis do que a si mesmo. Ama a todos con amor de bo pastor, que non foxe ante o perigo, senón que dá a súa vida por salvar ao rabaño.
Por iso, a imaxe de Xesús, « bo pastor», converteuse moi pronto nunha mensaxe de consolo e confianza para os seus seguidores. Os cristiáns aprenderon a dirixiranse a Xesús con palabras tomadas do Salmo 22: «O Señor é o meu pastor, nada me falta… aínda que teña de camiñar por cañadas e barrancos escuros, nada temo, porque ti vas comigo… A túa bondade e a túa misericordia acompáñanme todos os días da miña vida».
Os cristiáns vivimos con frecuencia unha relación bastante pobre con Xesús. Necesitamos coñecer unha experiencia máis viva, vital e entrañábel. Non cremos que el coida de nós. Esquécemos que podemos acudir a el cando nos sentimos cansos e sen forzas, ou andamos perdidos e desorientados.
Unha Igrexa formada por cristiáns que se relacionan cun Xesús mal coñecido, confesado só de maneira doutrinal, un Xesús afastado, cuxa voz non se escoita ben nas comunidades… Esa igrexa corre o risco de esquecer ao seu Pastor. Porén, quen coidará á Igrexa se non é o seu Pastor?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire