OS MÁIS DESVALIDOS ANTE O MAL
Uns están recluídos definitivamente nun centro. Outros deambulan polas nosas rúas. A inmensa maioría vive coa súa familia. Están entre nós, pero apenas suscitan o interese de ninguén. Son os enfermos mentais.
Non resulta doado penetrar no seu mundo de dor e soidade. Privados, nalgún grado, de vida consciente e afectiva sa, non lles resulta fácil conviviren. Moitos deles son seres débiles e vulnerábeis, ou viven atormentados polo medo nunha sociedade que os teme ou se desentende deles.
Desde tempo inmemorial, un conxunto de prexuízos, medos e receos foi levantando unha especie de muro invisíbel entre ese mundo de escuridade e dor, e a vida de quen nós consideramos «sans». O enfermo psíquico crea inseguridade e a súa presenza parece sempre perigosa. «O máis prudente» é defendermos a nosa «normalidade», recluíndoos ou distanciándoos da nosa contorna.
Hoxe fálase da inserción social destes enfermos e do apoio terapéutico que pode significar a súa integración na convivencia. Pero todo iso non deixa de ser unha bela teoría se non se produce un cambio de actitude ante o enfermo psíquico e non se axuda de forma máis eficaz a tantas familias que se senten soas ou con moi pouco apoio para faceren fronte aos problemas que se lles veñen encima coa enfermidade dun dos seus membros.
Hai familias que saben coidar ao seu ser querido con amor e paciencia, colaborando positivamente cos médicos. Pero tamén hai fogares nos que o enfermo resulta unha carga difícil de soportar. Aos poucos, esa convivencia vaise deteriorando e toda a familia vai quedando afectada negativamente, favorecendo á súa vez o empeoramento do enfermo.
É unha ironía entón seguirmos defendendo teoricamente a mellor calidade de vida para o enfermo psíquico, a súa integración social ou o dereito a unha atención adecuada ás súas necesidades afectivas, familiares e sociais. Todo isto ten de ser así, pero para iso é necesaria unha axuda máis real ás familias e unha colaboración máis estreita entre os médicos que atenden ao enfermo e persoas que saiban estar cabo del desde unha relación humana e amigábel.
Que lugar ocupan estes enfermos nas nosas comunidades cristiás? Non son os grandes esquecidos? O evanxeo de Marcos subliña de xeito especial a atención de Xesús «aos posuídos por espíritos malignos». A súa proximidade ás persoas máis indefensas e desvalidas ante o mal sempre será para nós unha chamada interpeladora.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire