ENSINAR COMO ENSINABA XESÚS
O modo de ensinar de Xesús provocou na xente a impresión de que estaban ante algo descoñecido e admirábel. Sinálao o evanxeo máis antigo e os investigadores pensan que foi así realmente. Xesús non ensina coma os «letrados» da Lei. Faino con «autoridade»: a súa palabra libera ás persoas de «espíritos malignos».
Non hai que confundir «autoridade» con «poder». O evanxelista Marcos é moi preciso na súa linguaxe. A palabra de Xesús non provén do poder. Xesús non trata de impoñer a súa propia vontade sobre os demais. Non ensina para controlar o comportamento da xente. Non utiliza a coacción.
A súa palabra non é como a dos letrados da relixión xudía. Non está revestida de poder institucional. A súa «autoridade» nace da forza do Espírito. Provén do amor á xente. Busca aliviar o sufrimento, curar feridas, promover unha vida máis sa. Xesús non xera submisión, infantilismo ou pasividade. Libera de medos, infunde confianza en Deus, anima ás persoas a buscaren un mundo novo.
A ninguén se lle oculta que estamos a vivir unha grave crise de autoridade. A confianza na palabra institucional está baixo mínimos. Dentro da Igrexa fálase dunha forte «desvalorización do maxisterio». As homilías aburren. As palabras están desgastadas.
Non é xa o momento de volvermos a Xesús e aprendermos a ensinar como o facía el? A palabra da Igrexa ten de nacer do amor real ás persoas. Ha ser dita despois dunha atenta escoita do sufrimento que hai no mundo, non antes. Ten de ser próxima, acolledora, capaz de acompañar a doente vida do ser humano.
Necesitamos unha palabra máis liberada da sedución do poder e máis chea da forza do Espírito. Un ensino nado do respecto e da estima das persoas, que xere esperanza e cure feridas. Sería grave escoitarmos, dentro da Igrexa, unha «doutrina de letrados» e non a palabra curadora de Xesús que tanto necesita hoxe a xente para vivirmos con esperanza.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire