QUE É O CRISTIANISMO?
Os cristiáns da primeira e segunda xeración nunca pensaron que con eles estaba nacendo unha relixión. De feito, non sabían con que nome designar aquel movemento que ía crecendo de xeito insospeitado. Aínda vivían impactados polo recordo de Xesús, ao que sentían vivo no medio deles.
Por iso, os grupos que se reunían en cidades como Corinto ou Éfeso comezaron a chamarse «igrexas», é dicir, comunidades que se van formando convocadas por unha mesma fe en Xesús. Noutras partes, ao cristianismo chamábanlle «o camiño». Un escrito redactado cara ao ano 80 e que se chama carta aos Hebreos di que é un «camiño novo e vivo» para enfrontarse á vida. O camiño «inaugurado» por Xesús e que hai que percorrer «cos ollos fixos nel».
Non hai dúbida algunha. Para estes primeiros crentes, o cristianismo non era propiamente unha relixión, senón unha forma nova de viviren. O primeiro para eles non era vivir dentro dunha institución relixiosa, senón aprenderen xuntos a vivir como Xesús no medio daquel vasto imperio. Aquí estaba a súa forza. Isto era o que podían ofrecer a todos.
Neste clima enténdense ben as palabras que o cuarto evanxeo pon en beizos de Xesús: «Eu son o camiño, a verdade e a vida». Este é o punto de arranque do cristianismo. Cristián é un home ou unha muller que en Xesús vai descubrindo o camiño máis acertado para vivir, a verdade máis segura para orientarse, o segredo máis esperanzador da vida.
Este camiño é moi concreto. De pouco serve sentirse conservador ou declararse progresista. A opción que temos de facer é outra. Ou organizamos a vida ao noso xeito ou aprendemos a vivir desde Xesús. Hai que elixir.
Indiferenza cara aos que sofren ou compaixón baixo todas as súas formas. Só benestar para min e os meus ou un mundo máis humano para todos. Intolerancia e exclusión de quen son diferentes ou actitude aberta e acolledora cara a todos. Esquecemento de Deus ou comunicación confiada no Pai de todos. Fatalismo e resignación ou esperanza última para a creación enteira.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire