RETIRARSE A ORAR
No medio da súa intensa actividade de profeta itinerante, Xesús coidou sempre a súa comunicación con Deus no silencio e na soidade. Os Evanxeos conservaron o recordo dun costume seu que causou fonda impresión: Xesús adoitaba retirarse de noite a orar.
O episodio que narra Marcos axúdanos a coñecermos o que significaba a oración para Xesús. A véspera fora unha xornada dura. Xesús «curara a moitos enfermos». O éxito fora moi grande. Cafarnaúm estaba conmocionada: «A poboación enteira apiñábase» en torno a Xesús. Todo o mundo falaba del.
Esa mesma noite, «de madrugada», entre as tres e as seis da mañá, Xesús érguese e, sen avisar aos seus discípulos, retírase ao descampado. «Alí púxose a orar». Necesita estar a soas co seu Pai. Non quere deixarse atordar polo éxito. Só busca a vontade do Pai: coñecer ben o camiño que ha percorrer.
Sorprendidos pola súa ausencia, Simón e os seus compañeiros corren a buscalo. Non dubidan en interromper o seu diálogo con Deus. Só queren retelo: «Todo o mundo te busca». Pero Xesús non se deixa programar desde fóra. Só pensa no proxecto do seu Pai. Nada nin ninguén o apartará do seu camiño.
Non ten ningún interese en ficar a gozar do seu éxito en Cafarnaúm. Non cederá ante o entusiasmo popular. Hai aldeas que aínda non escoitaron a Boa Noticia de Deus: «Imos predicar tamén alí».
Un dos trazos máis positivos no cristianismo contemporáneo é ver como se vai espertando a necesidade de coidar máis a comunicación con Deus, o silencio e a meditación. Os cristiáns máis lúcidos e responsábeis queren arrastrar á Igrexa de hoxe a vivir de xeito máis contemplativo.
É urxente. Os cristiáns, polo xeral, xa non sabemos estarmos a soas co Pai. Os teólogos, predicadores e catequistas falamos moito de Deus, pero falamos pouco con el. O costume de Xesús esqueceuse hai moito tempo. Nas parroquias fanse moitas reunións de traballo, pero non sabemos retirármonos para descansarmos na presenza de Deus e enchérmonos da súa paz.Cada vez somos menos para facer máis cousas. O noso risco é caermos no activismo, e desgastármonos no baleiro interior. Con todo, o noso problema non é ter moitos problemas, senón non ter a forza espiritual necesaria para enfrontármonos a eles.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire