O GRAN AGASALLO DE XESÚS
Seguindo o costume xudeu, os primeiros cristiáns saudábanse desexándose mutuamente a «paz». Non era un saúdo rutineiro e convencional. Para eles tiña un significado máis profundo. Nunha carta que Paulo escribe cara ao ano 61 a unha comunidade cristiá de Asia Menor, maniféstalles o seu gran desexo: «Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns».
Esta paz non hai que confundila con calquera cousa. Non é só unha ausencia de conflitos e tensións. Tampouco é unha sensación de benestar ou unha procura de tranquilidade interior. Segundo o evanxeo de Xoán, é o gran agasallo de Xesús, a herdanza que quixo deixar para sempre aos seus seguidores. Así di Xesús: «Déixovos a paz, douvos a miña paz».
Sen dúbida recordaban o que Xesús pedira aos seus discípulos ao envialos a construíren o reino de Deus: «Na casa en que entredes, dicide primeiro: Paz a esta casa». Para humanizar a vida, o primeiro é sementar paz, non violencia; promover respecto, diálogo e escoita mutua, non imposición, enfrontamento e dogmatismo.
Por que é tan difícil a paz? Por que volvemos unha e outra vez ao enfrontamento e a agresión mutua? Hai unha resposta primeira tan elemental e sinxela que ninguén a toma en serio: só os homes e mulleres que posúen paz poden poñela na sociedade.
Non pode sementar paz calquera. Co corazón cheo de resentimento, intolerancia e dogmatismo pódese mobilizar á xente, pero non é posíbel aportar verdadeira paz á convivencia. Non se axuda a achegar posturas e a crear un clima amistoso de entendemento, mutua aceptación e diálogo.
Non é difícil sinalar algúns trazos da persoa que leva no seu interior a paz de Cristo: busca sempre o ben de todos, non exclúe a ninguén, respecta as diferenzas, non alimenta a agresión, fomenta o que une, nunca o que enfronta.
Que estamos aportando nós hoxe desde a Igrexa de Xesús? Concordia ou división? Reconciliación ou enfrontamento? E se os seguidores de Xesús non levan paz no seu corazón, que é o que levan? Medos, intereses, ambicións, irresponsabilidade?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire