O QUE É PERDOAR?
A mensaxe de Xesús é clara e rotunda: «Amade aos vosos inimigos, facede o ben aos que vos odian». É posíbel vivirmos nesa actitude? Que se nos está a pedir? Podemos amar ao inimigo? Talvez temos de comezar por coñecermos mellor o que significa «perdoar».
É importante, en primeiro lugar, entender e aceptar os sentimentos de ira, rebelión ou agresividade que nacen en nós. É normal. Estamos feridos. Para non facernos aínda máis dano necesitamos recuperar no posíbel a paz interior que nos axude a reaccionarmos de xeito san.
A primeira decisión de quen perdoa é non vingarse. Non é fácil. A vinganza é a resposta case instintiva que nos nace e xorde de dentro cando nos feriron ou humillaron. Buscamos compensar o noso sufrimento facendo sufrir a quen nos fixo dano. Para perdoar é importante non gastar enerxías en imaxinarmos o noso desquite ou vinganza.
É decisivo sobre todo non alimentar o resentimento. Non permitir que o odio se instale no noso corazón. Temos dereito a que se nos faga xustiza; o que perdoa non renuncia aos seus dereitos. Pero o importante é írmonos curando do dano que nos fixeron.
Perdoar pode esixir tempo. O perdón non consiste nun acto da vontade que arranxa rapidamente todo. Polo xeral, o perdón é o final dun proceso no que interveñen tamén a sensibilidade, a comprensión, a lucidez e, no caso do crente, a fe nun Deus de cuxo perdón vivimos todos.
Para perdoar é necesario ás veces compartir con alguén os nosos sentimentos. Perdoar non quere dicir esquecer o dano que nos fixeron, pero si recordalo do xeito menos daniño para o ofensor e para un mesmo. Quen consegue chegar a perdoar vólvese sentir mellor.
Quen vai entendendo así o perdón comprende que a mensaxe de Xesús, lonxe de ser algo imposíbel e irritante, é o camiño acertado para ir curando as relacións humanas, sempre ameazadas polas nosas inxustizas e conflitos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire