AS ÁRBORES SAS
A advertencia de Xesús é fácil de entender. «Non hai árbore sa que dea froito danado, nin árbore danada que dea froito san. Cada árbore coñécese polo seu froito. Non se collen figos nas silveiras nin se vendiman acios nos espiños».
Nunha sociedade danada por tantas inxustizas e abusos, onde crecen as «silveiredas» dos intereses e as mutuas rivalidades, e onde abullan tantos «espiños» de odios, discordias e agresividade, son necesarias persoas sas que dean outra clase de froitos. Que podemos facer cada quen para sandar un pouco a convivencia social tan danada entre nós?
Talvez temos de empezar por non facerlle a ninguén a vida máis difícil do que xa é. Esforzarnos para que, polo menos a carón de nós, a vida sexa máis humana e levadía. Non envelenar o ambiente coa nosa amargura. Crear na nosa contorna unhas relacións diferentes feitas de confianza, bondade e cordialidade.
Necesitamos entre nós persoas que saiban acoller. Cando acollemos a alguén, estámolo a liberar da soidade e estámoslle infundindo novas forzas para vivir. Por moi difícil que sexa a situación na que se atopa, se descobre que non está só e ten a alguén a quen acudir, espertará de novo a súa esperanza. Que importante é ofrecermos refuxio, acollida e escoita a tantas persoas maltratadas pola vida.
Temos de desenvolver tamén moito máis a comprensión. Que as persoas saiban que, por moi graves que sexan os seus erros, atoparán sempre en min alguén que intentará comprendelas. Temos de empezar por non desprezar a ninguén, nin sequera interiormente: non condenar nin xulgar precipitadamente. A maioría dos nosos xuízos e condenas só mostran a nosa pouca calidade humana.
Tamén é importante contaxiar alento a quen sofre. O noso problema non é ter problemas, senón non ter forza para enfrontármonos a eles. A carón de nós hai persoas que sofren inseguridade, soidade, fracaso, enfermidade, incomprensión… Non necesitan receitas para resolveren a súa crise. Necesitan alguén que comparta o seu sufrimento e poña nas súas vidas a forza interior que as sosteña.
O perdón pode ser outra fonte de esperanza na nosa sociedade. As persoas que non gardan rancor nin alimentan o resentimento, e saben perdoar de verdade, sementan esperanza ao seu redor. Xunto delas sempre medra a vida.
Non se trata de pechar os ollos ao mal e á inxustiza. Trátase sinxelamente de escoitarmos a consigna de Paulo de Tarso: «Non te deixes vencer polo mal; pola contra, vence ao mal co ben». O xeito máis san de loitar contra o mal nunha sociedade tan danada como a nosa é facermos o ben «sen devolverlle a ninguén mal por mal…; no posíbel, e en canto de vós dependa, procurade a paz con todos os homes» (Romanos 12,17-18).
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire