A BENDICIÓN DE XESÚS
Son os últimos momentos de Xesús cos seus. Enseguida deixaraos para entrar definitivamente no misterio do Pai. Xa non os poderá acompañar polos camiños do mundo como fixo en Galilea. A súa presenza non poderá ser substituída por ninguén.
Xesús só pensa en que chegue a todos os pobos o anuncio do perdón e a misericordia de Deus. Que todos escoiten a súa chamada á conversión. Ninguén ha sentirse perdido. Ninguén ha vivir sen esperanza. Todos han saber que Deus comprende e ama aos seus fillos e fillas sen fin. Quen poderá anunciar esta Boa Noticia?
Segundo o relato de Lucas, Xesús non pensa en sacerdotes nin bispos. Tampouco en doutores ou teólogos. Quere deixar na terra «testemuñas». Isto é o primeiro: «Vós sodes testemuñas destas cousas». Serán as testemuñas de Xesús quen comunicarán a súa experiencia dun Deus bo e contaxiarán o seu estilo de vida traballando por un mundo máis humano.
Pero Xesús coñece ben os seus discípulos. Son débiles e covardes. Onde atoparán a audacia para seren testemuñas de alguén que foi crucificado polo representante do Imperio e os dirixentes do Templo? Xesús tranquilízaos: «Eu enviareivos o don prometido polo meu Pai». Non lles vai a faltar a «forza do alto». O Espírito de Deus defenderaos.
Para expresar graficamente o desexo de Xesús, o evanxelista Lucas describe a súa partida deste mundo de xeito sorprendente: Xesús volve ao Pai levantando as súas mans e bendicindo aos seus discípulos. É o seu último xesto. Xesús entra no misterio insondábel de Deus, e descende sobre o mundo a súa bendición.
Aos cristiáns esquecéusenos que somos portadores da bendición de Xesús. A nosa primeira tarefa é ser testemuñas da Bondade de Deus, manter viva a esperanza, non rendérmonos ante o poder do mal. Este mundo que ás veces parece un «inferno maldito» non está perdido. Deus mírao con tenrura e compaixón.
Tamén hoxe é posíbel, facer o ben, difundir bondade. É posíbel traballar por un mundo máis humano e unha convivencia máis sa. Podemos ser máis solidarios e menos egoístas. Máis austeros e menos escravos do diñeiro. A mesma crise económica pódenos levar a buscarmos con urxencia unha sociedade menos corrupta.
Xesús é unha bendición e a xente teno que saber. O primeiro é promover unha «pastoral da bondade». Témonos de sentir testemuñas e profetas dese Xesús que pasou a súa vida sementando xestos e palabras de bondade. Así espertou nas xentes de Galilea a esperanza nun Deus Bo e Salvador. Xesús é unha bendición e a xente teno que coñecer.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire