REXEITADO
ENTRE OS SEUS
Xesús non é un sacerdote do Templo, ocupado en coidar e promover a relixión. Tampouco o confunde ninguén cun mestre da Lei, dedicado a defender a Torá de Moisés. Os campesiños de Galilea ven nos seus xestos curadores e nas súas palabras de fogo a actuación dun profeta movido polo Espírito de Deus.
Xesús sabe que lle espera unha vida difícil e conflitiva. Os dirixentes relixiosos enfrontaránselle. É o destino de todo profeta. Porén non sospeita aínda que será rexeitado precisamente entre os seus, os que mellor o coñecen desde neno.
Ao parecer, o rexeitamento de Xesús no seu pobo de Nazaret era moi comentado entre os primeiros cristiáns. Tres evanxelistas recollen o episodio con todo detalle. Segundo Marcos, Xesús chega a Nazaret acompañado de discípulos e con fama de profeta curador. Os seus veciños non saben o que pensaren.
Ao chegar o sábado, Xesús entra na pequena sinagoga do pobo e «empeza a ensinar». Os seus veciños e familiares case non o escoitan. Entre eles nacen toda clase de preguntas. Coñecen a Xesús desde neno: é un veciño máis. Onde aprendeu esa mensaxe sorprendente do reino de Deus? De quen recibiu esa forza para curar? Marcos di que Xesús os «tiña desconcertados». Por que?
Aqueles campesiños creen que o saben todo de Xesús. Fixeron del unha idea desde neno. En lugar de acollelo tal como se presenta diante deles, fican bloqueados pola imaxe que teñen del. Esa imaxe impídelles abrírense ao misterio que se encerra en Xesús. Resístense a descubriren nel a proximidade salvadora de Deus.
Aínda hai algo máis. Acollelo como profeta significa estar dispostos a escoitar a mensaxe que lles dirixe en nome de Deus. E isto pode traerlles problemas. Eles teñen a súa sinagoga, os seus libros sagrados e as súas tradicións. Viven con paz a súa relixión. A presenza profética de Xesús pode romperlles a tranquilidade da aldea.
Os cristiáns temos imaxes bastante diferentes de Xesús. Non todas coinciden coa que tiñan os que o coñeceron de cerca e o seguiron. Cada un facémonos del a nosa idea. Esta imaxe condiciona a nosa forma de vivirmos a fe. Se a nosa imaxe de Xesús é pobre, parcial ou distorsionada, a nosa fe tamén será pobre, parcial ou distorsionada.
Por que nos esforzamos tan pouco en coñecer a Xesús?
Por que nos escandaliza recordar os seus trazos humanos?
Por que nos resistimos a confesar que Deus se encarnou nun profeta?
Intuímos talvez que a súa vida profética nos obrigaría a transformar profundamente as nosas comunidades e a nosa vida?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire