NOVA ETAPA
EVANXELIZADORA
O papa Francisco estanos chamando a unha «nova etapa evanxelizadora marcada pola alegría de Xesús». En que pode consistir? Onde pode estar a súa novidade? Que temos de cambiar? Cal foi realmente a intención de Xesús ao enviar aos seus discípulos a prolongar a súa tarefa evanxelizadora?
O relato de Marcos deixa claro que só Xesús é a fonte, o inspirador e o modelo da acción evanxelizadora dos seus seguidores. Non farán nada en nome propio. Son «enviados» de Xesús. Non se predicarán a si mesmos: só anunciarán o seu Evanxeo. Non terán outros intereses: dedicaranse só a abriren camiños ao reino de Deus.
O único xeito de impulsaren unha «nova etapa evanxelizadora marcada pola alegría de Xesús» é purificar e intensificar esta vinculación con Xesús. Non haberá nova evanxelización se non hai novos evanxelizadores, e non haberá novos evanxelizadores se non hai un contacto máis vivo, lúcido e apaixonado con Xesús. Sen el faremos todo menos introducir o seu Espírito no mundo.
Ao envialos, Xesús non deixa aos seus discípulos abandonados ás súas forzas. Dálles o seu «poder», que non é un poder para controlaren, gobernaren ou dominaren aos demais, senón a súa forza para «expulsaren espíritos inmundos», liberando ás persoas do que as escraviza, oprime e deshumaniza.
Os discípulos saben moi ben o que lles encarga Xesús. Nunca o viron gobernando a ninguén. Sempre o coñeceron curando feridas, aliviando o sufrimento, rexenerando vidas, liberando dos medos, contaxiando confianza en Deus. «Curar» e «liberar» son tarefas prioritarias na actuación de Xesús. Darían un rostro radicalmente diferente á nosa evanxelización.
Xesús envíaos co necesario para camiñar. Segundo Marcos, só levarán caxato, sandalias e unha túnica. Non necesitan de máis para ser testemuñas do esencial. Xesús quéreos ver libres e sen ataduras; sempre dispoñíbeis, sen instalárense no benestar; confiando na forza do Evanxeo.
Sen recuperar este estilo evanxélico non hai «nova etapa evanxelizadora». O importante non é poñer en marcha novas actividades e estratexias, senón desprendérmonos de costumes, estruturas e servidumes que nos están impedindo sermos libres para contaxiar o esencial do Evanxeo con verdade e sinxeleza.
Na Igrexa perdemos ese estilo itinerante que suxire Xesús. O seu camiñar é lento e pesado. Non sabemos acompañar á humanidade. Non temos axilidade para pasarmos dunha cultura xa pasada á cultura actual. Agarrámonos ao poder que habemos ter. Enredámonos en intereses que non coinciden co reino de Deus. Necesitamos conversión.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire