CURADOR
Segundo Marcos, a primeira actuación pública de Xesús foi a curación dun home posuído por un espírito maligno na sinagoga de Cafarnaún. É unha escena asombrosa, narrada para que, desde o comezo, os lectores descubran a forza curadora, sanante e liberadora de Xesús.
É sábado e o pobo atópase reunido na sinagoga para escoitaren o comentario da Lei explicado por os escribas. Por primeira vez Xesús vai proclamar a Boa Noticia de Deus, precisamente no lugar onde se ensinan oficialmente ao pobo as tradicións relixiosas de Israel.
A xente fica sorprendida ao escoitalo. Teñen a impresión de que ata agora estiveron a escoitar noticias vellas, ditas sen autoridade. Xesús é diferente. Non repite o que oíu a outros. Fala con autoridade. Anuncia con liberdade e sen medos un Deus bo.
De súpeto, un home ponse a gritar: «viñeches destruírnos?». Ao escoitar a mensaxe de Xesús sentiuse ameazado. Derrúbaselle o seu mundo relixioso. Dísenos que está posuído por un «espírito inmundo», hostil a Deus. Que forzas estrañas lle impiden seguir escoitando a Xesús? Que experiencias daniñas e perversas lle bloquean o camiño cara ao Deus bo que anuncia Xesús?
Xesús non se acovarda. Ve aquel pobre home oprimido polo mal e grita: «Cala! E sal deste home!». Ordena que calen esas voces malignas que non o deixan atoparse con Deus nin consigo mesmo. Que recupere o silencio que sanda o máis profundo do ser humano.
O narrador describe a curación de xeito dramático. Nun último esforzo por destruílo, o espírito «retorceuno violentamente e, dando un forte alarido, saíu del». Xesús logrou liberar ao home da súa violencia interior. Puxo fin ás tebras e ao medo a Deus. En diante poderá escoitar a Boa Noticia de Xesús.
Non poucas persoas viven de imaxes falsas de Deus no seu interior que lles fan viviren sen dignidade e sen verdade. Sénteno non como unha presenza amigábel que invita a vivir de xeito creativo, senón coma unha sombra ameazadora que controla a súa existencia. Xesús sempre empeza por curarnos liberándonos dun Deus opresor.
As súas palabras espertan a confianza e fan desaparecer os medos. As súas parábolas atraen cara ao amor de Deus, non cara ao sometemento cego á Lei. A súa presenza fai crecer a liberdade, non as servidumes; suscita o amor á vida, non o resentimento. Xesús cura porque nos ensina a vivirmos só da bondade, o perdón e o amor, que non exclúe a ninguén. Sanda porque nos libera do poder das cousas, do autoengano e da egolatría.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire