A NOSA INCAPACIDADE PARA ADORAR
O home actual ficou en gran medida atrofiado para descubrir a Deus. Non é que sexa ateo. É que se fixo «incapaz de Deus». Cando un home ou unha muller só buscan ou coñecen o amor baixo formas decadentes, cando a súa vida está movida exclusivamente por intereses egoístas de beneficio ou ganancia, algo se seca no seu corazón.
Moitos viven, vivimos, hoxe un estilo de vida que nos atafega e empobrece. Envellecidos prematuramente, endurecidos por dentro, sen capacidade de abrírense a Deus por ningunha físgoa da súa existencia, camiñan pola vida sen a compañía interior de ninguén.
O teólogo Alfred Delp, executado polos nazis, vía neste «endurecemento interior» o maior perigo para o ser humano moderno: «Así o home deixa de alzar cara ás estrelas as mans do seu ser. A incapacidade do home actual para adorar, amar e venerar ten a súa causa na súa desmedida ambición e no endurecemento da súa existencia».
Esta incapacidade para adorar a Deus apoderouse tamén de moitos crentes, que só buscan un «Deus útil». Só lles interesa un Deus que serva para os seus proxectos individualistas. Deus fica así convertido nun «artigo de consumo» do que dispor segundo as nosas conveniencias e intereses. Pero Deus é outra cousa. Deus é Amor infinito, encarnado na nosa propia existencia. E, diante dese Deus, o primeiro é a adoración, o xúbilo, a acción de grazas.
Cando se esquece isto, o cristianismo corre o perigo de converterse nun esforzo xigantesco de humanización, e a Igrexa nunha institución sempre tensa, sempre angustiada, sempre coa sensación de non lograr o éxito moral polo que loita e se esforza.
Con todo, a fe cristiá é, primeiro de nada, o descubrimento da bondade de Deus, experiencia agradecida de que só el salva: o xesto dos magos ante o Neno de Belén expresa a actitude primeira de todo crente ante Deus feito home.
Deus existe. Está aí, no fondo da nosa vida. Somos acollidos por el. Non estamos perdidos no medio do universo. Podemos vivir con confianza. Ante un Deus do que só sabemos que é Amor non cabe senón o gozo, a adoración e a acción de grazas. Por iso, «cando un cristián pensa que xa nin sequera é capaz de orar, debería ter polo menos alegría» (Ladislao Boros).
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire