SEGUIR A ESTRELA
Estamos demasiado afeitos ao relato dos magos. Por outra banda, hoxe case non temos tempo para detérmonos a contemplar amodiño as estrelas. Probabelmente non é só un asunto de tempo. Pertencemos a unha época na que é máis doado vermos a escuridade da noite do que os puntos luminosos que brillan no medio de calquera tebra.
Con todo, non deixa de ser conmovedor pensar naquel escritor cristián que, ao elaborar o relato dos magos, imaxinounos no medio da noite, seguindo a pequena luz dunha estrela. A narración respira a convicción profunda dos primeiros crentes logo da resurrección. En Xesús cumpríronse as palabras do profeta Isaías: «O pobo que camiñaba en tebras viu unha luz grande. Habitaban nunha terra de sombras, e unha luz brillou ante os seus ollos» (Isaías 9,1).
Sería unha inxenuidade pensar que nós estamos vivindo unha hora especialmente escura, tráxica e angustiosa. Non é precisamente esta escuridade, frustración e impotencia que captamos nestes momentos un dos trazos que acompañan case sempre o camiñar do ser humano ao longo dos séculos?
Chega ben con abrirmos as páxinas da historia. Sen dúbida atopamos momentos de luz nos que se anuncian grandes liberacións e se entrevén mundos novos e ábrense horizontes máis humanos. E logo, que vén? Revolucións que crean novas escravitudes, logros que provocan novos problemas, ideais que terminan en «solucións a medias», nobres loitas que acaban en «pactos mediocres». E de novo volta ás tebras.
Non é estraño que se nos diga que «ser home é moitas veces unha experiencia de frustración». Pero non é esa toda a verdade. Malia todos os fracasos e frustracións, o home volve recomporse, volve esperar, volve pórse en marcha en dirección a algo. Hai no ser humano algo que o chama unha e outra vez á vida e á esperanza. Hai sempre unha estrela que volve acenderse.
Para os crentes, esa estrela conduce sempre a Xesús. O cristián non cre en calquera mesianismo. Mesmo por iso non cae tampouco en calquera desencanto. O mundo non é «un caso desesperado». Non está en completa tebra. O mundo está orientado cara á súa salvación. Deus será un día o fin do exilio e as tebras. Luz total. Hoxe só o vemos nunha humilde estrela que nos guía cara a Belén.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire