ABRÍRMONOS AO MISTERIO DE DEUS
Ao longo dos séculos, os teólogos realizaron un grande esforzo por achegárense ao misterio de Deus formulando con diferentes construcións conceptuais as relacións que vinculan e diferencian ás persoas divinas no seo da Trinidad. Esforzo, sen dúbida, lexítimo, nado do amor e o desexo de Deus.
Xesús, con todo, non segue ese camiño. Desde a súa propia experiencia de Deus, invita aos seus seguidores a relacionárense de xeito confiado con Deus Pai, a seguiren fielmente os seus pasos de Fillo de Deus encarnado, e a deixarnos guiar e alentar polo Espírito Santo. Ensínanos así a abrírmonos ao misterio santo de Deus.
Primeiro de nada, Xesús invita aos seus seguidores a viviren como fillos e fillas dun Deus próximo, bo e entrañábel, ao que todos podemos invocar como Pai querido. O que caracteriza a este Pai non é o seu poder e a súa forza, senón a súa bondade e a súa compaixón infinita. Ninguén está só. Todos temos un Deus Pai que nos comprende, nos quere e nos perdoa como ninguén.
Xesús descóbrenos que este Pai ten un proxecto nado do seu corazón: construír con todos os seus fillos e fillas un mundo máis humano e fraterno, máis xusto e solidario. Xesús chámao «reino de Deus» e invita a todos a entrar nese proxecto do Pai buscando unha vida máis xusta e digna para todos empezando polos seus fillos máis pobres, indefensos e necesitados.
Ao mesmo tempo, Xesús invita aos seus seguidores a que confíen tamén nel: «Non se turbe o voso corazón. Creedes en Deus; crede tamén en min». El é o Fillo de Deus, imaxe viva do seu Pai. As súas palabras e os seus xestos descóbrennos como nos quere o Pai de todos. Por iso, invita a todos a seguilo. El ensinaranos a vivirmos con confianza e docilidade ao servizo do proxecto do Pai.
Co seu grupo de seguidores, Xesús quere formar unha familia nova onde todos busquen «cumpriren a vontade do Pai». Esta é a herdanza que quere deixar na terra: un movemento de irmáns e irmás ao servizo dos máis pequenos e desvalidos. Esa familia será símbolo e xerme do novo mundo querido polo Pai.
Para isto necesitan acoller ao Espírito que alenta ao Pai e ao seu Fillo Xesús: «Vós recibiredes a forza do Espírito Santo que virá sobre vós e así seredes as miñas testemuñas». Este Espírito é o amor de Deus, o alento que comparten o Pai e o seu Fillo Xesús, a forza, o impulso e a enerxía vital que fará dos seguidores de Xesús as súas testemuñas e colaboradores ao servizo do grande proxecto da Trindade santa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire