A FELICIDADE DE XESÚS
Non é difícil debuxar o perfil dunha persoa feliz na sociedade que coñeceu Xesús. Trataríase dun home adulto e de boa saúde, casado cunha muller honesta e fecunda, con fillos homes e unhas terras ricas, observante da relixión e respectado no seu pobo. Que máis se podía pedir?
Certamente non era este o ideal que animaba a Xesús. Sen esposa nin fillos, sen terras nin bens, percorrendo Galilea como un vagabundo, a súa vida non respondía a ningún tipo de felicidade convencional. A súa maneira de vivir era provocativa. Se era feliz, érao de maneira contracultural, a contrafío do establecido.
En realidade, non pensaba moito na súa felicidade. A súa vida viraba máis ben ao redor dun proxecto que lle entusiasmaba e facíalle vivir intensamente. Chamábao «reino de Deus». Ao parecer, era feliz cando podía facer felices a outros. Sentíase ben devolvendo á xente a saúde e a dignidade que se lles arrebatou inxustamente.
Non buscaba o seu propio interese. Vivía creando novas condicións de felicidade para todos. Non sabía ser feliz sen incluír aos outros. A todos propuña criterios novos, máis libres e radicais, para faceren un mundo máis digno e ditoso.
Cría nun «Deus feliz», o Deus creador que mira a todas as súas criaturas con amor entrañábel, o Deus amigo da vida e non da morte, máis atento ao sufrimento das xentes do que aos seus pecados.
Desde a fe nese Deus rompía os esquemas relixiosos e sociais. Non predicaba: «Felices os xustos e piadosos, porque recibirán o premio de Deus». Non dicía: «Felices os ricos e poderosos, porque contan coa súa bendición». O seu berro era desconcertante para todos: «Felices os pobres, porque Deus será a súa felicidade».
A invitación de Xesús vén dicir así: «Non busquedes a felicidade na satisfacción dos vosos intereses nin na práctica interesada da vosa relixión. Sede felices traballando de maneira fiel e paciente por un mundo máis feliz para todos».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire