VOLVER A BELÉN
No medio de felicitacións e agasallos, entre ceas e rebulicio, case oculto por luces, árbores e estrelas, é posíbel aínda entrever no centro das festas do Nadal «un neno deitadiño nun presebe». O mesmo sucede no relato de Belén. Hai luces, anxos e cantos, pero o corazón desa escena grandiosa ocúpao un neno nunha manxadoira dun presebe.
O evanxelista narra o nacemento do Mesías cunha sobriedade sorprendente. A María «chegoulle o tempo do parto e deu a luz ao seu fillo». Nin unha palabra máis. O que realmente parece interesarlle é como se acolle ao neno. Mentres en Belén «non hai sitio» nin sequera na pousada, en María atopa unha acollida conmovedora. A nai non ten medios, pero ten corazón: «Envolveuno nuns capizos e deitouno nun presebe».
O lector, a bon seguro non pode continuar o relato sen expresar a súa primeira sorpresa: neste neno encárnase Deus? Nunca o imaxinamos así. Nós pensamos nun Deus maxestuoso e omnipotente, e el preséntasenos na fraxilidade dun neno débil e indefenso. Imaxinámolo grande e afastado, e el ofrécesenos na tenrura dun nado recentemente. Como sentir medo deste Deus? Teresa de Lisieux, declarada en 1997 doutora da Igrexa, di así: «Eu non podo temer a un Deus que se fixo tan pequeno por min… Eu ámoo!».
O relato ofrece unha clave para achegármonos ao misterio dese Deus. Lucas insiste até tres veces na importancia do «presebe». É como unha obsesión. María déitao nun presebe. Aos pastores non se lles dá outro sinal: atoparano nun presebe. Efectivamente, no presebe atópano ao chegaren a Belén. O presebe é o primeiro lugar da terra onde descansa ese Deus feito neno. Ese presebe é o sinal para recoñecelo, o lugar onde hai que atopalo. Que se esconde tras ese enigma?
Lucas está a aludir a unhas palabras do profeta Isaías nas que Deus se queixa así: «O boi coñece ao seu amo; o asno coñece o presebe do seu señor. Pero Israel non me coñece, non pensa en min» (Isaías 1,3). A Deus non hai que buscalo no admirábel e marabilloso, senón no ordinario e cotián. Non hai que indagar no grande, senón rastrexalo no pequeno.
Os pastores indícannos en que dirección buscar o misterio do Nadal: «Vaiamos a Belén». Cambiemos a nosa idea de Deus. Fagamos unha relectura do noso cristianismo. Volvamos ao comezo e descubramos un Deus próximo e pobre. Acollamos a súa tenrura. Para o cristián, celebrar o Nadal é «volver a Belén».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire