UN DEUS PRÓXIMO
O Nadal é moito máis do que todo ese ambiente superficial e manipulado que se respira estes días nas nosas rúas. Unha festa moito máis fonda e gozosa do que todos os artefactos da nosa sociedade de consumo.
Os crentes temos de recuperarmos de novo o corazón desta festa e descubrirmos detrás de tanta superficialidade e atordamento o misterio que dá orixe á nosa alegría. Temos de aprender a «celebrarmos» o Nadal. Non todos saben o que é celebrar. Non todos saben o que é abriren o corazón á alegría.
E, con todo, non entenderemos o Nadal se non sabemos facer silencio no noso corazón, abrir a nosa alma ao misterio dun Deus que se nos achega, alegrarnos coa vida que se nos ofrece e saborearmos a festa da chegada dun Deus Amigo.
No medio do noso vivir diario, ás veces tan aburrido, apagado e triste, invítasenos á alegría. «Non pode haber tristeza cando nace a vida» (León Magno). Non se trata dunha alegría insulsa e superficial. A alegría dos que están ledos sen saberen por que. «Temos motivos para o xúbilo radiante, para a alegría plena e para a festa solemne: Deus fíxose home e veu habitar entre nós» (Leonardo Boff). Hai unha alegría que só a poden gozar os que se abren á proximidade de Deus e se deixan atraeren pola súa tenrura.
Unha alegría que nos libera de medos, desconfianzas e inhibicións ante Deus. Como temermos a un Deus que se nos achega coma un picariño? Como refusarmos a quen se nos ofrece como meniño fráxil e indefenso? Deus non veu armado de poder para impoñerse aos homes. Achegóusenos na tenrura dun neno a quen podemos acoller ou rexeitar.
Deus non pode ser xa o Ser «omnipotente» e «poderoso» que nós sospeitamos, encerrado na seriedade e o misterio dun mundo inaccesíbel. Deus é este neno entregado cariñosamente á humanidade, este pequeniño que busca a nosa mirada para alegrarnos co seu sorriso.
O feito de que Deus se fixo neno di moito máis de como é Deus do que todas nosas cavilacións e especulacións sobre o seu misterio. Se soubésemos detérmonos en silencio ante este neno e acoller desde o fondo do noso ser toda a proximidade e a tenrura de Deus, quizá entenderiamos por que o corazón dun crente debe estar transido dunha alegría diferente estes días de Nadal.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire