VOLVER A GALILEA
Os Evanxeos recolleron o recordo dunhas mulleres admirábeis que, ao amencer do sábado, se achegaron ao sepulcro onde foi soterrado Xesús. Non poden esquecelo. Ségueno amando máis do que a ninguén. Mentres tanto, os varóns fuxiron e permanecen talvez escondidos.
A mensaxe que escoitan ao chegar é dunha importancia excepcional. O Evanxeo de Mateu di así: «Sei que buscades a Xesús, o crucificado. Non está aquí. resucitou, como dixo. Vinde ver o sitio onde el xacía». É un erro buscar a Xesús no mundo da morte. Está vivo para sempre. Nunca o poderemos atopar onde a vida estea morta.
Non debemos esquecelo. Se queremos atopar a Cristo resucitado, cheo de vida e forza creadora, non habemos buscalo nunha relixión morta, reducida ao cumprimento externo de preceptos e ritos rutineiros, nunha fe apagada que se sostén en tópicos e fórmulas gastadas, baleiras de amor vivo a Xesús.
Entón, onde o podemos atopar? As mulleres reciben este encargo: «Ide enseguida dicirlle aos discípulos: resucitou de entre os mortos e vai diante de vós a Galilea. Alí o veredes?». Por que teñen de volver a Galilea para ver ao Resucitado? Que sentido profundo encerra esta invitación? Que se nos está a dicir aos cristiáns de hoxe?
En Galilea escoitouse, por vez primeira e en toda a súa pureza, a Boa Noticia de Deus e o proxecto humanizador do Pai. Se non volvemos escoitalos hoxe con corazón sinxelo e aberto, alimentarémonos de doutrinas venerábeis, pero non coñeceremos a alegría do Evanxeo de Xesús, capaz de «resucitar» a nosa fe.
Ademais, nas beiras do lago de Galilea foise xerando a primeira comunidade de Xesús. Os seus seguidores viven cabo del unha experiencia única. A súa presenza éncheo todo. El é o centro. Con el aprenden a viviren acollendo, perdoando, curando a vida e espertando a confianza no amor insondábel de Deus. Se non poñemos canto antes a Xesús no centro das nosas comunidades, nunca experimentaremos a súa presenza no medio de nós.
Se volvemos a Galilea, a «presenza invisíbel de Xesús resucitado adquirirá trazos humanos ao lermos os relatos evanxélicos, e a súa «presenza silenciosa» recobrará voz concreta ao escoitarmos as súas palabras de alento.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire